Skip to Content

Blogues

Normas de funcionamento da biblioteca para o curso 2020-2021

Dende Biblioribeira queremos darvos a benvida a este novo curso e informarvos das medidas de seguridade que debemos adoptar. 

- Tamén na biblioteca hai que respectar en todo momento a distancia mínima de seguridade (1,5 m.) e respectar o aforo máximo permitido (15 persoas).

 - O usuario debe desinfectar as mans con xel hidroalcólico ao entrar na biblioteca.

 - Hai que respectar os postos de lectura sinalizados. Non se pode cambiar de sitio as cadeiras.

 - Despois de cada sesión, o usuario ten que desinfectar o espazo de lectura empregado na biblioteca, incluindo a superficie da mesa e o asento e o respaldo da cadeira.

 - Non se poden manipular os libros. O libro que se queira consultar hai que pedirllo ao encargado/a da biblioteca.

 - O servizo de préstamo farase exclusivamente de xeito individual. Só pode haber unha persoa usuaria de cada vez na mesa de xestión.

 - Se alguén quere facer uso do servizo de préstamo e xa hai alguén na mesa de xestión, ten que esperar no corredor fóra da biblioteca.

 - No caso de haber moita xente esperando, pódese deixar por escrito a petición de libro de préstamo na caixa de correo á entrada da biblioteca e un encargado da biblioteca levará o libro á aula.

Moito ánimo e bo comezo de curso!

 

b

 

Noite de voraces sombras

 

Sara, unha moza de dezaseis anos, narra os acontecementos que durante unhas vacacións de verán na casa da avoa foron un auténtico terremoto na súa vida e lle axudarán, dende entón, a enfrontala dunha forma distinta. No cuarto que ocupa sentirá o inquietante desacougo dunha presencia fantasmal. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apertada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor entre dous mestres republicanos, que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra.

En "noite de voraces sombras", Agustín Fernández Paz, aborda un tema que hoxe está en primeiro plano, como é a recuperación das vidas e dos ideais que quedaron rotos trala Guerra Civil e a posguerra, así como a necesidade de que as novas xeracións descubran esa realidade, porque non se poderá construír nada auténtico sobre a desmemoria. 

O Autor

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) licenciado en Ciencias da Educación foi profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Autor dunha longa obra narrativa en lingua galega, e traducido, na súa maior parte  a todas as linguas ibéricas.

Paralelamente á súa dedicación á docencia, desenvolveu tamén unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a introdución dos medios de comunicación no aula, a promoción da lectura, o fomento da lingua galega nun contexto bilingüe ou a didáctica da lingua, así como un relevante papel na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura (un dos seus traballos, Canles 5, obtivo o Premio Nacional "Emilia Pardo Bazán" para libros de texto non sexistas).

En xaneiro de 2013, foi investido como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Os seus libros son moi apreciados polos lectores infantís e xuvenís e todos eles coñecen numerosas edicións. Algúns, como Cartas de inverno, Trece anos de Branca  ou  As hadas verdes, superaron a fronteira dos cen mil exemplares vendidos.

 

Cuando Hitler robó el conejo rosa

Judith  Kerr

  

A chegada de Hitler ao poder vai cambiar radicalmente a vida de Anna e a súa familia. Na súa fuxida do horror nazi, deberán abandonar o seu país e deixar moitas cousas queridas, como o seu coello de peluche. Con el tamén se quedará a súa infancia.

A novela iniciase en Berlín en 1933, continúa en Zurich, París (1935). As dificultades económicas en París obrigarán á familia a saír cara Londres, está a piques de comezar a Segunda Guerra Mundial.

A novela está baseada de forma moi próxima na biografía da propia Judith Kerr, filla dun famoso escritor alemán que abandonou Alemania en 1933. A familia de Kerr era xudía e o seu pai estaba na lista negra de escritores dos nazis. Alfred Kerr, o pai, fora moi crítico con eles durante os anos previos. Primeiro viviron en Suiza, logo en Francia e finalmente en Reino Unido, a donde chegaron a mediados dos anos 30 e onde permaneceron durante toda a II Guerra Mundial. Os seus pais vivían co temor de que se producise unha invasión de Reino Unido por parte de Alemania e tomaran decisións drásticas en previsión de que iso sucedese. «Un amigo médico noso deulles pastillas para suicidarse», explicaba Kerr na BBC fai uns anos.

A vida no exilio era dura. Ademais da dureza inherente a vivir nun país que non é o propio, sumábanse as altas dificultades económicas. Tanto Alfred Kerr como a súa esposa Julia eran intelectuais (Julia era concertista) que non tiñan moi fácil atopar traballo noutro país e máis nun no que se falaba unha lingua que non dominaban.

                                                                                

Distribuir contido

Iniciar sesión

  Biblioteca           



by Dr. Radut