Skip to Content

Blog da biblioteca

NOVIDADES FEBREIRO- Libros

 

O departamento de Inglés adquiriu varios exemplares da adaptación dos títulos The Curious Case of Benjamin Button e The Importance of Being Earnest. Por outra banda, seguimos ampliando os fondos do club de lectura coa adquisición de varias novelas da editorial Rinoceronte.

 

 

 

 

 

PRÉSTAMO INTERBIBIOTECARIO- Nata y chocolate

 

Na liña de colaboración que iniciamos hai anos coas bibliotecas escolares da Mariña Lucense, cedimos ao IES Monte Castelo de Burela oito exemplares da novela Nata y chocolate, de Alicia Borrás.

 

CELEBRACIÓN CONCURSO DE LECTURA

 

O 19 de xaneiro tivo lugar na biblioteca un concurso de lectura sobre a novela Usha, de María Reimóndez, para o alumnado de 1º de ESO. A gañadora foi Iria Fernández, que recibiu como agasallo unha figura lectora de cerámica de Buño e dúas entradas para o cine.  En segundo e terceiro lugar quedaron respectivamente Olga Bravo e Judith Fraiz. Todas as persoas participantes levaron como recordo un diploma participativo e unha bolsa con material da biblioteca. Grazas pola vosa participación!

 

 

 

 

2ª XUNTANZA CLUB LECTURA RibaLEO

 

O luns 15 de xaneiro tivo lugar a segunda reunión do clube de lectura RibaLEO. O título escollido foi Canción de solpor, de Lewis Grassic Gibson, nunha coidada edición das Irmás Cartoné. Escollida en 2005 como a mellor obra da literatura escocesa, esta espléndida novela ofrécenos un apaixonante canto de amor á terra e un cru relato dun mundo e dunha forma de vida que esmorecen.

Centrándose en Chris Guthrie, unha moza que, ante a disxuntiva entre a dura vida labrega no rural escocés e o mundo atraente pero remoto dos libros e a educación, escolle permanecer na súa comunidade, Grassic Gibbon mergulla o lector nun magnífico relato do convulso paso dunha era á seguinte. Nun tempo no que a mecanización comeza a mudar o traballo do campo, a irrupción da Primeira Guerra Mundial sacode a vida de Chris e da súa comunidade mudándoo todo para sempre.   

 

 

 

PUBLICACIÓNS DO XORNAL NÓS

Da coleccion  publicada polo xornal Nós, ao que a biblioteca está subscrita, recibimos:

 Dous volumes da biografía  Fernando Ruis de Castro, de Francisco Rodríguez..

 Dous volumes da obra Prófugas e apóstatas, de Carolina Casal e Carme Varela.

POSTERS E CADERNOS Unha biblioteca escolar en viñetas

 

Chegaron á biblioteca os carteis e os cadernos que publica a Consellería baixo o lema escollido para este curso 2023/2024, Unha biblioteca escolar en viñetas, que pretende poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.

 

ENCONTROS CON ESCRITORAS- Eva Mejuto

 

Organizado pola profesora Teresa González, do Departamento de Lingua Galega e Literatura, tivo lugar o luns 18 de decembro un encontro do alumnado de 3º de ESO coa escritora Eva Mejuto, cuxa obra A ladroa da biblioteca de Meirás, será lida o segundo trimestre deste curso.

 

 

 

NOVIDADES - Varios

Velaquí as nosas últimas adquisicións:

 

Para o club de lectura Ribaleo, varios títulos da editorial Rinoceronte (traducións ao galego)

 

 

A petición do departamento de Debuxo, o cómic Piel de hombre. A petición do departamento de Xeografía e Historia: a novela gráfica Rebelión en la granja, unha edición ilustrada de 1984, de George Orwell e o ensaio de Irene Vallejo O infinito nun xunco.

 

ÁRBORE DA INCLUSIÓN

  

Este Nadal a nosa árbore cede o seu espazo a libros da biblioteca que fomentan a inclusión, intentando desbotar os prexuízos contra todo o que se considera “diferente”. Cada un dos títulos escollidos leva un breve comentario referido ao seu contido, agardando despertar o interese pola súa lectura. Agardamos a vosa visita. Bo Nadal!

 

 

 

 

LIBROS ADICADOS- Suso Fernández Acevedo

 

O venres 18 de novembro tivo lugar na Casa da Cultura de Ribadeo a presentación do libro Literatura Galegoasturiana, do que é coautor o profesor do noso centro e membro do equipo da Biblioteca Suso Fernández Acevedo, quen cedeu á bilioteca un exemplar do mesmo e nolo asinou amablemente.O libro pasa a formar parte da  Sección Local da biblioteca, que recolle obras e autores relacionados coa nosa contorna. Grazas a Suso  polo agasallo e noraboa por esta publicación! 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut