Skip to Content

Dinamización lingüística

Equipo de Dinamización Lingüística

PREMIO OTERO PEDRAYO CATEGORÍA ESCOLAR, MODALIDADE DE TRABALLO EN GRUPO

O audiovisual “Otero Pedrayo e Ribadeo”, presentado por un equipo do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo obtivo o premio Otero Pedrayo, na categoría escolar, modalidade de traballo en grupo.
O equipo fórmano Ángela Fernández González, Nora Maseda Freije, Lucía Miranda Santamarina, Antón Suárez García, Estela Veiga García e Claudia Vizoso González, alumnado de “Literatura galega e sociedade”, materia de libre configuración de centro do noso IES, e os profesores Pipo Refojo e Suso Fernández Acevedo.

Feliz Idade en lingua de signos

Este vídeo foi elaborado pola Unidade de Educación Especial do IES de Ribadeo dentro do proxecto "Nomeámolas. Existimos! do Comité Lila. En 2023 nomeamos a Olga Novo, para visibilizala co motivo do 8M.
O recitado en lingua de signos correu a cargo de María Antonia Jiménez, Nour El Houda Bami, Manuel Pérez e Alejandro Monteagudo, coa axuda das súas profesoras Mercedes Bouza, Candela González, María Nieto, Laura Páramo e Eva Redondo.

A xustiza pola man

Esta representación do poema "A xustiza pola man" foi organizada pola Comisión de Igualdade e o EDLG do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro.

(01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS.

Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino.

O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC.

Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía.  Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente

Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito  da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual.

A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.

BOOKTRAILERS

O alumnado da materia "Lingua galega e sociedade", a proposta do EDL, elaborou booktrailers dalgunha das obras literarias que leron este curso. 

https://literaturagalegaesociedade.wordpress.com/

 

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021: XELA ARIAS.

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, o Equipo de Dinamización Lingüística editou un autocolante relacionado con Xela Arias deseñado pola profesora Chus Colmenero. Imprimíronse 500 exemplares para repartir entre toda a comunidade escolar.

Así mesmo, o EDL imprimiu marcadores de lectura relacionados coa autora homenaxeada, aproveitando a proposta de deseño que a RAG puxo a disposición da cidadanía en xeral.

(01/12/2021): Calendario 2021.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, o alumnado de Literatura galega e sociedade, materia de libre configuración de centro de 2º de BAC, elaborou un calendario de sobremesa.

Este ano, o tema escollido é a vexetación do xardín do instituto. Cada mes inclúe unha foto dunha árbore ou arbusto do xardín, acompañada dun texto literario que alude a esa planta.

O alumnado que traballou no proxecto foi Nekane Fernández, Paula Freire, María Cela, Irene Logares, Chaimaa Selouane e Borja Fernández. Na edición colaborou o Equipo de dinamización da lingua galega.

CONSULTA AQUÍ O CALENDARIO COMPLETO

(21/12/2021): 100 anos do Grupo Nós.

O día 21 de decembro tivo lugar unha videoconferencia sobre o Grupo Nós dirixida ó alumnado de 4º de ESO e impartida por Mª do Pilar García Negro.

O alumnado participante recibiu como agasallo un caderno sobre O Grupo Nós e outro sobre Carvalho Calero, grazas á colaboración da Exma. Deputación de Lugo, que colaborou na edición dos textos.

Coorganizaron a actividade o Equipo de dinamización da lingua galega  e o Departamento de portugués.

DENDE A MIÑA XANELA

Dende a Biblioteca e o Equipo de Dinamización Lingüística animamos ao alumnado e ao profesorado a participar nunhas xanelas literarias que nos puidesen axudar a sentirnos un pouco máis libres e compartir as nosas inquedanzas e gustos literarios. A actividade consistiu e facer unha fotografía dende a ventá da nosa casa e sobreescribir na mesma  un breve texto (ben propio ou ben dun autor/a calquera). Propuxemos que na foto aparecese un libro e que dalgunha maneira o contido do texto nos movese a refllexionar sobre a situación que estamos a vivir.

O resultado é unha serie de fermosas fotos enviadas polo noso alumnado e profesorado que quedaron plasmadas neste video:

https://www.youtube.com/watch?v=COxQMc3vMgw&feature=youtu.be

Distribuir contido


by Dr. Radut