O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como xa é tradición, participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o sábado 4 de maio na Coruña. Unha boa parte do alumnado do Club de Ciencia e de Proxecto Competencial viaxou ata a cidade herculina acompañado polos profesores Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro.
Foi unha xornada na que as alumnas e alumnos ribadenses tiveron a oportunidade de amosar os traballos realizados ao longo do curso ó numeroso público asistente. Os máis pequenos, deleitaron coas mesas flotantes e o elevador hidráulico construídos con paus de xeado, unhas gafas de realidade virtual caseiras e tres experimentos de magnetismo que arrancaron numerosas sonrisas: as moedas bailarinas, os alfinetes levitantes e o tren magnético elaborado cunha pila, imáns e fío de cobre.