Skip to Content

Libros

PRÉSTAMO COLABORATIVO- 2ª avaliación

 

 

 Se te animas a partillar os teus libros, déixaos no despacho de Beatriz. Non esquezas anotar na primeira páxina o teu nome, apelidos e curso. Estes son os próximos títulos que precisamos para a 2ª AVALIACIÓN:

 

CASTELÁN

 

La isla de Nuncameolvides [Ricardo Gómez](1º ESO)

Violet y Finch[Jennifer Niven](3º ESO)

La casa de Bernarda Alba[Federico García Lorca](4º ESO)

Marina[Carlos Ruíz Zafón](4º ESO)

Nada[Carmen Laforet](1º BAC)

Música para feos [Lorenzo Silva](1º BAC)

 

GALEGO

 

O que sei do silencio[AndreaMaceiras](2º ESO)

O corazón de Xúpiter[Ledicia Costas] (3º ESO)

Made in Galiza [Sechu Sende] (4º ESO)

Resistencia[Rosa Aneiros] (1º BAC)

 

 

 

                     

CLUB DE LECTURA

O martes 21 de decembro de 2021 tivo lugar a segunda reunión do Club de Lectura, impulsado pola Comisión de Igualdade. O título escollido para esta xuntanza foi Del color de la leche, da novelista inglesa Nell Leyshon, poderosa historia na que á súa protagonista, Mary, unha adolescente de 15 anos, só lle queda o poder de contala para tratar de atopar sosego na palabra escrita e para deixar testemuño da súa traxedia. A memoria do sufrimento de Mary só pode recuperarse de novo no silencio da nosa lectura e no feito de compartila. A biblioteca colaborou coa adquisición de varios exemplares da novela, cuxa lectura recomendamos vivamente.

E o luns 10 de xaneiro, na súa terceira xuntanza, e primeira de 2022, comentouse a novela Feria, de Ana Iris Simón, un relato dun tempo recente da nos historia que suscita opinións e lecturas diverxentes. 

 

                  

 

LIBROS ADICADOS-PRESENTACIÓN LIBRO EVA MOREDA

Asistimos o 23-12-21 á presentación do libro O infinito no pé, da autora ribadense e exalumna do instituto Eva Moreda. No acto, organizado pola asociación Francisco Lanza, a escritora falou  de como se xestou a súa obra e proporcionou algunhas claves para entendela. O seu escrito, a medio camiño entre a ficción e o ensaio, xira en torno á redescuberta da chamada ribeirnana, unha danza baile endémica da comarca bergantiñá. Tamén participou na presentación Serxio Cobos, autor dos bailegramas que se inclúen ao final do libro. Ambos nos asinaron un exemplar da obra, que pasa a formar parte da nosa sección Local.

 

 

PEQUENA GUÍA DA MÚSICA EN GALEGO

Elia Lago é a autora desta PEQUENA GUÍA DA MÚSICA EN GALEGO que é unha gran oportunidade de descubrir pezas e artistas dos máis diversos estilos musicais pero cun denominador común, a lingua que nos une. Moitas das artistas teñen perfís onde penduran a súa música, anímate a apoiar e compartir música en galego!

 

Para acceder a ela preme na imaxe

DOAZÓN FAMILIAS E ALUMNADO

 Un alumno cedeu amablemente á biblioteca libros de lectura seus de cursos anteriores e unha familia da nosa comunidade educativa doou dúas obras do escritor Jose Luis Sampedro. Queremos transmitirlles o noso agradecemento. 

 

LIBROS CONSELLERÍA XACOBEO 21-22

A Consellería de Cultura enviou ao centro cinco exemplares do libro Endrina e o segredo do peregrino, de Concha Narváez. Trátase dunha edición non venal froito da colaboración coa Academia Xacobea, cuxo obxectivo é afondar no coñecemento do Camiño de Santiago a través da lectura pracenteira.

 

25-N. LIBROS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Quixemos sumarnos á conmemoración do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero, cunha mostra de libros de distintos xéneros (poesía, narrativa, ensaio…) que abordan o tema. 

Entre eles podemos atopar Masculino singular, onde Carlos Negro, que impartiu recentemente un taller no instituto , reflexiona a través da poesía sobre as novas masculinidades, tan necesarias para superar o vello modelo de dominación patriarcal ou os breves ensaios de Chimamanda Ngozi Adichie, comentados na primeira xuntanza do Club de Lectura pola Igualdade. Convencidxs de que ler nos fai máis libres, recomendamos vivamente a lectura de calquera dos títulos que se atopan na exposición.

 

LIBROS ADICADOS- Carlos Negro

 

Durante a súa estadía no centro para impartir o obradoiro  "Versos para darlle a volta á cabeza", o poeta Carlos Negro adicounos os seus poemarios Penúltimas tendencias, Aplicación instantánea  e Masculino singular, que pasan a formar parte da nosa exposición permanente.

 

 

LIBROS ADICADOS

A temperie ribadense no 2020, Antonio Gregorio 

Cos datos recollidos na Granxa Escola Pedro Murias, o exprofesor do instituto Antonio Gregorio analizou neste libro a temperie en Ribadeo durante o ano 2020, poñéndoa en relación con anos anteriores, nun estudo comparativo que se prolonga xa máis de dúas décadas. Agradecémoslle o agasallo deste exemplar adicado.

 

 

Un hombre que se parecía a Cunqueiro, Xosé Besteiro

José María Besteiro, recoñecido productor televisivo e xornalista nado en Riotorto (Lugo) adicounos un exemplar da súa obra Un hombre que se parecía a Cunqueiro,  imaxinativo achegamento á figura cunqueiriana, á que Besteiro está unido por uns lazos familiares que forman parte dos seus mitos da infancia, o que lle dá pé a mesturar nas súas páxinas detalles sobre o autor coa súa propia biografía. 

 

 

Pintura e Fotografía no século XIX, Celia Castro

 O luns 20 de setembro de 2021 tivo lugar a conferencia inaugural  D. Amando Suárez Couto pintor e mecenas ribadenseimpartida pola historiadora ribadense ex-alumna do noso instituto  Celia Castro Fernández. Celia Castro  na actualidade está realizando unha tese doutoral sobre Pintura e Fotografía no século XIX, sendo este tamén o título do seu último libro co que agasallou ao instituto acompañado dunha agarimosa adicatoria.


RECOMENDACIÓNS LECTORAS PORTUGUÉS

Neste remate de curso parte do  alumnado de Portugués visitou a biblioteca coa súa profesora Dores Fernández, quen lles comentou os títulos dispoñibles na nosa sección de Literatura Portuguesa co fin de animalos a levalos emprestados como lecturas para o verán.

Distribuir contido


by Dr. Radut