Para conmemorar o Día Mundial da Poesía (celebrado o 21 de marzo) o departamento de Lingua e Literatura Castelá propuxo facer unha ruta literaria ofertada pola Biblioteca Popular Circulante Menéndez y Pelayo de Castropol. O luns 28 de marzo o alumnado de 3º de ESO percorreu distintos lugares da vila guiándose por un plano de situación poética. En cada un dos puntos situados no mapa, e a través da lectura dun código QR, escoitamos poemas representativos da literatura castelá nas voces de persoas relevantes no eido da cultura. Ademais a biblioteca propuxo ao alumnado o reto de averiguar qué dous poetas presentes na ruta fixeran estadía en Castropol e subir a resposta a Instagram. No sorteo entre as persoas que acertaron resultou premiada Ángela Alcántara Coto, de 3ºESO-A, que recibiu como premio dous carteis conmemorativos do centenario da biblioteca de Castropol. A bibliotecaria, Manuela Busto, agasallou tamén á biblioteca do noso instituto cos anteditos carteis e unha placa conmemorativa. Dámoslle as grazas pola súa excelente acollida.