O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como unha das 6 escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo, e coa coordinación desde o departamento de Filosofía, presentou hoxe as actividades que van ter lugar os vindeiros días con motivo do DÍA DE EUROPA . Algunhas destas actividades xa tiveron lugar durante a mañá do 22 de abril cando as alumnas da materia de Filosofía participaron na V Asamblea virtual do Modelo de Parlamento Europeo na que se discutiu sobre A problemática da adolescencia deste momento de pandemia.
Tamén durante estes días distribuíronse MAPAS EUROPEOS en diversas aulas do centro e nos colexios da zona, para animalos a participar na conmemoración do DÍA DE EUROPA. (Se alguén quere facerse con un destes MAPAS só ten que pedilo).
Do luns 26 ao venres 30 de abril, e coincidindo con la celebración da Semana de Acción Mundial pola Educación levaremos a cabo unha actividade, en colaboración co departamento de Educación Física, e organizada por SAVE THE CHILDREN chamada KILÓMETROS SOLIDARIOS. o alumnado acumulará quilómetros a través dunha aplicación e buscará apadriña- e amadriñamento en función dos quilómetros que fagan. Desta maneira respectaremos todas as medidas sanitarias establecidas, incentivaremos a actividade física entre o noso alumnado e promoveremos a defensa da Educación en todos os ámbitos da nosa comunidade.
Desde o luns 26 de abril estará exposta na entrada do centro a exposición Francesc Boix: O fotógrafo de Mauthausen, que conta tamén cunha documentación fílmica que pode ser visionada no salón de actos (prégase avisar en Dirección se se quere facer visita e ver os videos).
O xoves 6 de maio teremos dous Talleres ERASMUS (no salón de actos) en colaboración con Europe Direct A Coruña, Erasmus Student Network e as Escolas Embaixadoras e Mentoras do Parlamento Europeo en Galicia e as escolas Sénior. O TALLER 1 desenvolverase desde as 9:30 horas durante 50 minutos e asistirá alumnado de 1º BACH C e alumnas de 4º ESO. O TALLER 2 desenvolverase desde as 12:00 (50´) e asistirá alumnado de 1º BACH B e de 2º BACH (hai listado de asistentes)
Durante o recreo do venres 7 de maio, proxectaremos no patio de columnas VIDEOS SOBRE A UNIÓN EUROPEA que en cursos precedentes levaron a cabo alumnos e alumnas do centro nas materias de Filosofía e na optativa EUROPA de 1º BACH, como por exemplo o video sobre a Historia da UE realizado por Clara Maseda e Raquel Pardo no 2016.
Tamén aproveitamos para divulgar noticias sobre o PARLAMENTO EUROPEO no taboleiro no mesmo lugar, e de forma virtual no espazo TWITER @Cosmopolitas1.