O pasado 10,11 e 12 de abril do 2019 tivo lugar unha celebración especial no IES: a 25 Feira da Ciencia. Con Antonio Gregorio xubilado, colaboramos para sacar adiante todo o traballo uns cantos compañeir@s: María del Monte Álvarez, profesora de Tecnoloxía, Mario Martinez, profesor de Física e Beatriz González Fernández, Maxi Piñeiro Vidal e Susi Besteiro do Dpto de Bioloxía. Tamén tivemos a gran sorte de que Chus Colmenero, profesora de Educación Plástica fixo un cartel moi fermoso que non deixou indiferente a ninguén e Alfonso Piñeiro, o director, que sempre está aí para todos, aproveitou o deseño para encargar unhas chapas de recordo para toda a comunidade educativa. Mil gracias a todos eles!
Na Feira expuxéronse moitos traballos e moi variados:
- Na área de Tecnoloxía, María del Monte e os seus alumn@s de 3º ESO presentaron proxectos moi variados como aspiradora e lavadora caseiras, pontes levadizas hidráulicas e eléctricas, estruturas con canutillos de papel, unha palomitera, unha mininoria, un elevador, un teleférico, un dispensador e unha simulación da respiración pulmonar entre outros.
- Na área de Física, Mario e o alumnado de CAAP elaboraron un traballo sobre conductividade eléctrica, unha pila e unha electrodeposición.
- Na área de Bioloxía, os alumn@s de agrupamento específico de 3º ESO, fixeron con Beatriz unha roda dos alimentos para axudarnos a tomar conciencia da importancia de ter unha alimentación variada e equilibrada.
- Os alumnos de 1º ESO xunto coas profesoras Beatriz e Susi, sacaron adiante un bó número de proxectos: tinguiron flores, explicaron a metamorfose dos vermes da seda, investigaron sobre a ostra rizada e a avispilla do castiñeiro que son dúas novas especies invasoras que hai en Ribadeo, explicaron a importancia da vexiga natatoria, das escamas e dos otolitos dos peixes óseos así como dos dentículos dérmicos dos tiburóns e ademais analizaron egagrópilas de curuxa chegando non só a descubrir que comeran ratos, topillos e musarañas senón que ademais e para sorpresa de moita xente, montaron os esqueletos das presas citadas.
- Por último, os alumn@s de 4º ESO traballaron con Maxi Piñeiro e Susi Besteiro. Na área de bioloxía fixeron a extracción do ADN de fresa, prepararon uns cariotipos moi orixinais analizando as alteracións máis comúns e realizaron un estudo sobre as bebidas azucradas e os efectos nocivos tratando de mentalizarnos da importancia de hidratarnos con auga. Na área de Xeoloxía, presentaron un corte xeolóxico da Ría de Ribadeo coas principais rochas que atopamos no entorno, analizaron o método sísmico e a súa importancia para chegar ó modelo estrutural da Terra, amosáronnos cos imáns intelixentes e cun imán nun tubo de cobre a importancia do magnetismo terrestre e fixeron un estudio sobre a chuvia ácida e o mal da pedra.
En definitiva, moitos traballos e ben presentados. Noraboa a tódolos alumnos participantes!
Tal vez a Feira deba evolucionar, creo que debería pasar a ser Feira da Ciencia e da Cultura porque non cabe dúbida de que todo o alumnado e profesorado fai ó longo de cada curso moitos traballos que merece a pena divulgar entre a comunidade docente. E non son días perdidos, son días de clase distintos... É certo que non se dá materia e que hai barullo polos corredores pero penso que tódolos alumnos e alumnas que participan aprenden unha boa lección para a vida: a importancia da actitude, de poñerlle ganas ó traballo, o orgullo do traballo ben feito, a importancia de saber transmitir os coñecementos e en definitiva, a ilusión por aprender. Ilusión que, tras participar en 25 Feiras, aínda conservo e comparto cos compañeir@s e alumn@s.
Fdo: Susi Besteiro Cabanas