Skip to Content

25 celebracións do "Día mundial dos Humedais"

      

Dende o curso 93-94, que cheguei a Ribadeo, tiven claro que A Ría non podía pasar desapercibida nas clases de Bioloxía e comecei a estudar as características máis relevantes para poder transmitírllelas ós alumnos e alumnas. Así comezamos a celebración do Día Mundial dos Humedais cada 2 de Febreiro ou na data máis próxima posible, e xa van 25 cursos saíndo á ría. A finalidade sempre a mesma, observar as aves invernantes procedentes do norte de Europa e que cada ano elixen a nosa Ría para pasar o outono e inverno escapando do frío e da falta de alimento.

Este ano fixémola o pasado día 6 de febreiro co alumnado de 4º ESO. Dedicamos tres horas a dar unha volta á Ría equipados con prismáticos e telescopios que nos permitiran a observación.

A primeira parada foi a Lieira. A marea estaba baixando, e a maioría das aves aproveitaban para alimentarse e disfrutaban da segunda mañá de sol despois duns cantos días de pleno inverno polo que había moita actividade.

Nas zonas descubertas pola baixamar estaban as limícolas peteirando no fango para sacar caracois, vermes, insectos... Había moitos zarapitos (Numenius arquata) co seu peteiro longo e curvo, algunha agulla e tamén polo medio andaban os correlimos (Calidris alpina) que a pesar do seu tamaño pequeno nunca pasan desapercibidos pola forma de alimentarse e sobre todo cando voan totalmente acompasados. Polo medio tamén había un bó número de gaivotas choronas, claras, escuras e algún gaivotón.

Nas zonas aínda cubertas por unha lámina de auga, estaban a maioría das zancudas: as garzas reais (Ardea cinerea) co seu andar maxestuoso, as espátulas ou cullereiros (Platalea leucorodia) vadeando co seu peteiro ou acicalando a súa plumaxe, e as garcetas  (Egretta garcetta) brancas como a neve e lucindo os  dedos amarelos

Nas zonas con máis auga, as anátidas, sempre en parellas. Para distinguir as especies fixámonos nos machos posto que presentan dimorfismo sexual: mentras que as femias son todas moi parecidas e polo tanto difíciles de distinguir, os machos son polícromos. Os  de  pato asubión  (Anas penelope) coa súa cabeza pardo vermella cunha franxa dourada e os de  alavanco real (Anas platyrhynchos) coa cabeza verde irisada.

Dende a punta de Castopol, seguimos observando como se alimentaban a maioría delas e puidemos ver de cerca os cormoráns (Phalacrocorax carvo), mergullándose para pescar e despois repousando coas ás estendidas e orientadas ó vento para secarse. De feito, no tesón da Berlinga , puidemos contar un bó número deles.

Outro aspecto no que sempre nos fixamos é tratar de distinguir os tres grandes grupos de vexetación da ría: en primeiro lugar, nas zonas descubertas pola baixamar, as pradeiras mergulladas de herba do mar (Zostera marina e Zostera noltii), especies halófilas, é dicir, que soportan ben as altas concentracións de sal e que cobren gran parte da enseada da Lieira. A partir da enseada do Tarrón, en Vilavedelle, os primeiros xuncais de Juncus maritimus e Scirpus maritimus, vexetación máis debilmente halófila e xa a partir de Porto, en Vegadeo, onde a acción fluvial é maior, os canaveirais de Pragmithes australis.

A última parada foi coma case sempre no observatorio de Reme onde estaba agardando unha das tres Aguias pescadoras (Pandion haliaetus) que seguen invernando na Ría. Polo pousadoiro no que estaba, e tendo en conta que son moi respetuosas entre elas, cremos que era Virgilia. Debía estar agardando que subira a marea para pescar e Panchita e a outra que non debe estar bautizada, andarían de paseo... Tamén nos fixamos dende alí no falso niño que puxeran na beira asturiana, o primeiro ano de invernar na Ría Panchita, da que por certo, sábese que cría en Francia (Orleáns) e que xa ten varios descendentes... Tamén dende alí se vía algún grupo de patos rabudos (Anas acuta), ós que lles debemos xunto cós asubións que a ría sexa Zona ZEPA, é dicir, Zona de especial Protección de Aves e tamén humedal recoñecido internacionalmente como Espacio Ramsar.

En fin, unha mañá na que nos dedicamos a coñecer o noso entorno para así aprender a valoralo e  respectalo.  Creo que moitos dos nosos alumnos recoñecen o privilexio de  vivir ó pé da Ría, humedal de gran importancia e con moita biodiversidade,  que aínda que non se atope nos mellores momentos, xa que os censos delatan que  o número de invernantes baixou considerablemente nos últimos anos,  para todos nós é   un importante patrimonio natural que temos a obriga de conservar.

Susi Besteiro Cabanas

Profesora de Bioloxía do IES de Ribadeo

        



page | by Dr. Radut