Skip to Content

O Río Pequeno: un gran río

Un curso máis decidimos participar  no Proxecto Ríos. O obxectivo é sensibilizar ó alumnado da importancia de valorar e conservar o noso medio e tratar de educar no dedenvolvemento sostible.                              Mais fotografías

O venres 26 de outubro,  os alumnos de 4º ESO de Bioloxía acompañados polos profesores Maxi Piñeiro e Susi Besteiro saíron ó Río Pequeno  para facer a toma de datos correspondente ó outono. Tras dar un paseo pola zona de estudio para facer a observación xeral, fixemos as análises físico-químicas e biolóxicas na zona de mostraxe para poder cubrir a ficha correspondente e enviala a Proxecto Ríos. Os resultados obtidos foron os seguintes:

 

1.- Calidade hidromorfolóxica:

Respecto ó hábitat, a auga flúe, o nivel de auga é  máis baixa ca en anos anteriores porque leva tempo sen chover. Hai frecuencia moderada de rápidos, o substrato son coídos e gravas con area e limos,  a cobertura de vexetación acuática é escasa e o río está sombreado con claros. Esto lévanos a unha valoración final do hábitat  boa, de 65 puntos, que se interpreta como un hábitat que pode soportar unha boa comunidade de macroinvertebrados.

No referente ó Bosque de ribeira, para unha primeira valoración empregamos o índice QRISI aplicándoo nas dúas marxes. Tanto nunha como noutra parécenos que ten calidade moderada, con bastantes árbores propias de ribeira (amieiro, salgueiro, loureiro, freixo, …) aínda que na beira esquerda nótase máis a intervención humana (prado, casa, ….)

 

2.- Calidade físico-química. Medimos unha serie de parámetros e os resultados son os seguintes: Temperatura de 13º , transparencia boa na zona de mostraxe xa que se aprecian os 4 sectores, nitratos entre 5-20mg/l, osíxeno disolto de 4mg/l e nivel de saturación de osíxeno do 35%. Todos estes datos son moi semellantes ós de anos anteriores e con eles deducimos que a auga do río está en boas condicións.

 

3.- Calidade Biolóxica: para valorala, fixámonos sobre todo nos macroinvertebrados xa que son doados de capturar cun trueiro e son organismos  bioindicadores que dan  unha idea rápida da calidade do ecosistema. Identificamos máis ou menos os de sempre: tricópteros (larvas con estuche) de tipo Limnephilidae e Braquicentridae, larvas de libélula (Gomphidae e Libellulidae) e de cabaliño do demo (Calopterygidae), plecópteros (Perlydae), moluscos (caracolas Lymnaeidae e lapas Ancylidae), Heterópteros como o zapateiro común (Gerridae), planarias e algúnha larva de mosquito (Chironomidae).

Segundo os macroinvertebrados atopados, tendo en conta que cada familia ten asociada unha categoría  (moi boa, boa, moderada, deficiente e mala) e que para determinar o rango de calidade debemos atopar polo menos 3 familias representadas que indiquen o mesmo, chegamos á conclusión de que o tramo de río estudiado  segue a presentar boa calidade tal como indican as larvas de libélulas, dos cabaliños do demo, os tricópteros e os plecópteros.

 

Conclusión:

O río segue a estar en bo estado e así o reflexan os datos da área de mostraxe. De calquera xeito, tamén reseñamos que nun pequeno tramo (máis preto da casa) a auga tiña algunha escuma que pode evidenciar  algún vertido, por exemplo de deterxentes. Isto xa o apreciáramos outra vez pero é nunha zona moi concreta e a pesar diso, nese mesmo tramo poidemos observar troitas pequenas. Polo tanto,  tendo en conta que son estenoicas respecto ó osíxeno e moi esixentes co medio, concluímos que eses vertidos non deben ser significativos.

Pensamos que a actividade merece a pena, gustoulles moito ós alumnos e alumnas, e participaron activamente. Na sesión post-saída, todos cubriron a ficha e cremos que se deron conta de que ás veces pequenos estudios son suficientes para sacar conclusións importantes sobre o estado de saúde do ecosistema. Tamén está xa enviada a ficha a Proxecto Ríos.

Finalmente, comentar que este tipo de actividades axúdannos a todos a tomar conciencia da importancia que ten conservar o medio natural e do importante papel  que cada un de nós desempeñamos nesa tarefa.



page | by Dr. Radut