Skip to Content

Río Pequeño, primavera 2018. Unha nova invasora: “ a avispilla asiática”

Despois de ter que aprazala unhas cantas veces polo mal tempo e outros motivos, finalmente puidemos facer a saída ó río Pequeno para coller os datos de primavera. (Ligazón para ver as imaxes)      

Os resultados non varían practicamente dos obtidos en anos anteriores pero si que temos que reseñar a presencia dunha especie invasora que ata este ano non detectaramos: a avispilla do castiñeiro. O seu nome científico é Dryocosmus kuriphilus, procede de China e dende que se catalogou en Galicia por primeira vez no ano 2014, a súa expansión foi meteórica. Para loitar contra ela, a Xunta acaba de soltar 1500 exemplares de Torymus sinensis, insecto que se alimenta das larvas da avispilla polo que se converte no inimigo natural. Esperemos que  esta loita biolóxica sexa efectiva porque a praga ameaza con acabar cos nosos soutos.

Con respecto ó resto de datos, comentar que non hai grandes cambios respecto ás pasadas primaveras. Da análise físico-química, podemos indicar os seguintes resultados: temperatura 15ºC, pH 7, concentración de nitratos 5mg/ml, concentración de osíxeno disolvido 4mg/ml, saturación de osíxeno 37% e auga totalmente transparente e que flúe con normalidade. Está claro que estes parámetros indican unha boa calidade físico-química do medio, dato que tamén contratamos coa análise dos biolóxica.

Entre os macroinvertebrados atopados temos: tricópteros (Limnephilidae), efemerópteros (Baetidae), dípteros (Simulidae e Chironomidae), heterópteros (Gerridae), vermes oligoquetos, larvas de libélula (Aeshnidae, Calopterygidae e Gomphidae) e moluscos (Ancylidae, Lymnaeidae e Planorbidae). Tras verificar as claves, podemos afirmar que o río segue a gozar dun bo estado de saúde e por iso seguimos atopando troitas, especies moi esixentes co medio.

Tamén nos fixamos na vexetación, nas plantas acuáticas máis comúns como o pé de boi, o lirio amarelo, o fento real ou a lentella de auga que atopamos nunha zona moi concreta. Respecto ás árbores, ademais das especies típicas de ribeira coma por exemplo o salgueiro, o ameneiro, o freixo, o loureiro e a abeleira, tamén hai algún carballo e como indicamos ó principio, os castiñeiros de toda a zona infectados pola avispilla asiática o que notamos polas agallas que lles saen nas follas e ó longo das ramas tal e como pode apreciarse nas fotos que adxuntamos.

Xa para rematar, simplemente dicir que pasamos unha mañá incrible no río, que disfrutamos coa paisaxe e co traballo e que esta actividade sempre merece  a pena e pensamos que axuda moita a sensibilizar ó alumnado en valores como o respecto e a conservación do noso patrimonio natural.



page | by Dr. Radut