Skip to Content

Mulleres científicas

O pasado mércores 13 de xuño, os alumn@s de 1º ESO do IES Dionisio Gamallo acompañados polas profesoras de Bioloxía e Xeoloxía, foron ó colexio Sagrado Corazón para visitar unha exposición sobre mulleres científicas.                     Mais fotos

Begoña Sanjurjo, profesora de Ciencias, amosounos o que íamos ver: por un lado, unha exposición da Xunta de mulleres que foron galardoadas co premio   Wonenburger dende o ano 2007, e por outro, unha exposición de traballos de alumnos de 1º ESO sobre mulleres científicas de tódolos tempos titulada: “As pícaras tamén somos de Ciencias”.

Na primeira exposición atopamos mulleres coma María Josefa Wonenburger, natural de Oleiros (Coruña), que foi a primeira premiada, e considerada a “nai da teoría  matemática de Kac- Moody”, as neurobiólogas María Soengas e Carmen Navarro,  a bióloga molecular María José Alonso, a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola ou a astrónoma María Vila Costas que foi a última galardoada. Todas elas mulleres importantes para a ciencia na actualidade e responsables de grandes descubrimentos.

Respecto á exposición elaborada polos alumnos de 1º ESO do colexio, dicir que había moitas e moi importantes mulleres científicas de tódolos tempos. Dende Hipatia de Alejandría que viviu a finais do século IV e está considerada a primeira muller científica da historia, con importantes aportacións no campo da astronomía, foron moitas as que fixeron importantes aportacións aínda que non foran recoñecidas durante moito tempo. Podemos sinalar algunhas: Marie Curie, pioneira no campo da radioactividade e que foi a primeira persoa en recibir  dous Premios Nobel (un co seu home e outro ela sola); Margarita Salas, discípula do noso premio Nobel Severo Ochoa;  a primatóloga Jane Goodal cuxo traballo foi fundamental para difundir os coñecementos sobre os chimpancés pero tamén para sensibilizar da importancia de protexer os ecosistemas; Ángeles Alvariño, primeira muller oceanógrafa;  Manuela Barreira Pico,  a quen en Riabadeo hai unha rúa dedicada por ser a primeira muller galega matriculada na Universidade de Santiago de Compostela onde estudou farmacia ou quizás a máis nova de todas, Sonia Villapol,  tamén con familia en Ribadeo, Bióloga molecular e Biotecnóloga que está en EEUU investigando no campo da Neurociencia e Medicina rexenerativa do dano cerebral.

Non cabe dúbida de que foi unha actividade interesante, que as mulleres foron as grandes esquecidas moitas veces ó longo da historia e que tiveron que loitar moito para chegar non só a poder estudiar no tempo que lles tocou vivir senón tamén para ser recoñecidas polas súas importantes aportacións nos distintos campos do saber.

NORABOA A TODAS ELAS!!!!



page | by Dr. Radut