O pasado martes, sete de novembro, o alumnado de bacharelato que cursa as materias de bioloxía e xeoloxía no IES de Ribadeo, participou nun obradoiro titulado “Descubrindo as rochas que pisas” que foi impartido polo doutor en xeoloxía, Francisco Canosa.
Esta actividade foi financiada polo Concello de Ribadeo a través do proxecto “Entre Arcos e Cantís” no que tamén participan os concellos de Burela e Cedeira e que ten como obxectivo mellorar o coñecemento do patrimonio xeolóxico, natural e cultural do noso litoral.
Durante a primeira hora, Fran explicounos brevemente a Historia xeolóxica de Galicia para chegar despois a presentarnos as rochas máis importantes do noso territorio tanto magmáticas (granito, granodiorita, episienita, gabro, peridotita, diabasa, pegmatita, pórfido, basalto, aplita...) sedimentarias (calcarias, conglomerados, brechas, areíscas, lignito..) como metamórficas (ecloxita, gneis ollo de sapo, lousa, filita, corneana, xisto, migmatita...)
Durante a segunda hora, os nosos alumn@s, puideron ver, tocar e clasificar cunhas claves dicotómicas que el traía, todas esas rochas que previamente organizara no laboratorio e das que nos foi explicando a textura, composición mineralóxica e distintas aplicacións.
Tamén nos contou as distintas formas de traballo dos xeólogos (traballo de campo, de laboratorio e de gabinete) e amosounos materiais que empregan habitualmente e que el trouxo: compás e martelo de xeólogo, mapas xeolóxicos, contador Geiger, lámpada de fluorescencia, testemuñas de sondaxes e cabezais con diamantes utilizados para obtelas.
Finalmente, Fran axudounos a aclarar dúbidas que nós tiñamos respecto a algúns exemplares de minerais e rochas que ó longo do tempo fomos xuntando e que non estaban debidamente etiquetadas.
Non cabe dúbida que foi unha actividade moi interesante, que conseguiu atraer a atención do noso alumnado dende o primeiro minuto e que tod@s aprendemos un montón de xeoloxía. Tivémolo “secuestrado” tres intensas horas e aínda por riba, regalounos para o centro, a unidade didáctica que publicou fai uns meses referida a esta actividade e que leva o mesmo título: Descubrindo as rochas que pisas.
Moitas gracias ó Concello por axudarnos a realizar esta actividade e noraboa a Fran, que ademais de ser un excelente divulgador do patrimonio xeolóxico, ten a virtude de saber transmitir e explicar de maneira fácil as cousas difíciles e constitúe un gran exemplo para os nosos alumnos de valores cada día máis difíciles de atopar: ilusión, ganas, esforzo e sabiduría.
Susi Besteiro
Xefa do Dpto de Bioloxía e Xeoloxía