O último luns de maio, o alumnado do Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo xunto co profesorado implicado: Andrés Rodríguez, Javier Rodríguez, Noelia González e Susi Besteiro, xuntámonos coma sempre no recreo de mediodía pero esta vez non era para facer experimentos senón para celebrar o final do Club de Ciencia por este curso.
Tocaba ademáis, facer balance. Realmente, estamos satisfeitos da marcha do club xa que case 30 alumnos e alumnas participaron voluntariamente durante todo o curso. Aínda que as primeiras sesións foron conxuntas e dedicadas á tan de moda Intelixencia Artificial, logo houbo que facer separación por niveis. O alumnado que cursou 1º ESO, foi descubrindo cada luns experimentos sinxelos: dende xogar con palillos máxicos, xeo seco ou fluídos non newtonianos ata construír visores de hologramas, lámpadas de lava e facer figuras de tensegridade caseira con paus de xeado e gomas elásticas.
O alumnado de 2º e 3º ESO, case todos participante no club dende o curso pasado, estiveron fundamentalmente dedicados a preparar a súa participación nas Olimpíadas da Escola de Enxeñería de Camiños da Coruña e da Universidade de Telecomunicacións de Vigo. Para estas últimas tiveron que elaborar un par de proxectos que trataran de “Resolver retos de la sociedad” e así xurdiron o Bastón con entonación, para persoas invidentes e o Despertador lumínico.
Estes proxectos xunto con outros elaborados nas materias de Proxecto Competencial e de Tecnoloxía coma por exemplo O tren magnético, As gafas de realidade virtual, As mesas flotantes ou as Maquetas da Circulación sanguínea humana e das Nefronas, foron presentados no Día da Ciencia na Rúa 2024 onde recibimos o Premio Javier Novelle “pola magnífica selección de traballos presentados”. Agora tan só queda amosalos na propia casa e iso terá lugar na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño de 9:30 a 13:10.
No IES Ribadeo seguimos apostando por achegar a ciencia ó alumnado e pensamos que todas estas actividades son unha boa forma de fomentar as vocacións STEM orientadas ao ámbito científico-tecnolóxico así como de estimular o espíritu científico entre as nosas alumnas e alumnos.
Susi Besteiro
Catedrática de Bioloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo