O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como xa é tradición, participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o sábado 4 de maio na Coruña. Unha boa parte do alumnado do Club de Ciencia e de Proxecto Competencial viaxou ata a cidade herculina acompañado polos profesores Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro.
Foi unha xornada na que as alumnas e alumnos ribadenses tiveron a oportunidade de amosar os traballos realizados ao longo do curso ó numeroso público asistente. Os máis pequenos, deleitaron coas mesas flotantes e o elevador hidráulico construídos con paus de xeado, unhas gafas de realidade virtual caseiras e tres experimentos de magnetismo que arrancaron numerosas sonrisas: as moedas bailarinas, os alfinetes levitantes e o tren magnético elaborado cunha pila, imáns e fío de cobre.
Pola súa banda, o alumnado de 2º ESO presentou un orixinal despertador lumínico e unha maqueta coa que explicaban os tipos de poleas: fixas, factoriais e exponencias. Finalmente, alumnas de 3º ESO, amosaron un bastón para invidentes e tres maquetas relacionadas coa fisioloxía humana: o ril e a nefrona, os grupos sanguíneos e a circulación sanguínea.
Foi un día dedicado á divulgación científica pero tamén a aprender cos traballos elaborados polo resto de centros participantes e disfrutar no Planetario, na Casa das Ciencias ou explicando os experimentos a algúns “Grandes da Ciencia”, cabezudos con rasgos de Marie Curie, Jacques Cousteau, Charles Darwin e Isaac Newton entre outros.
O alumnado recibiu numerosos parabéns e o IES de Ribadeo foi merecedor do Premio Javier Novelle 2024 pola “magnífica selección de traballos presentados”. O profesorado acompañante considera que é unha honra recibir un premio no que se rinde homenaxe a Javier Novelle, impulsor durante vintecatro anos do Día da Ciencia na Rúa e fiel visitante da Feira da Ciencia ribadense que este ano chega á súa XXIX edición e celebrarase os días 13 e 14 de xuño con interesantes proxectos.
Polo tanto parabéns a tódolos participantes e no IES Ribadeo Dionisio Gamallo, seguirá a divulgación científica