Skip to Content

PREMIO OTERO PEDRAYO CATEGORÍA ESCOLAR, MODALIDADE DE TRABALLO EN GRUPO

O audiovisual “Otero Pedrayo e Ribadeo”, presentado por un equipo do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo obtivo o premio Otero Pedrayo, na categoría escolar, modalidade de traballo en grupo.
O equipo fórmano Ángela Fernández González, Nora Maseda Freije, Lucía Miranda Santamarina, Antón Suárez García, Estela Veiga García e Claudia Vizoso González, alumnado de “Literatura galega e sociedade”, materia de libre configuración de centro do noso IES, e os profesores Pipo Refojo e Suso Fernández Acevedo.
O traballo informa basicamente de tres aspectos que relacionan a Otero Pedrayo con esta zona: as publicacións de Otero Pedrayo no xornal El Aldeano de Castropol, a correspondencia de Otero Pedrayo a Dionisio Gamallo Fierros que se conserva no arquivo familiar, e unha serie de artigos de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo co gallo sa súa xubilación da Universidade de Santiago.
Trátase de contido pouco coñecido, no caso das colaboracións na prensa, e inédito no caso do epistolario de Otero a Gamallo.
O xurado, presidido por D. Xesús Alonso Montero, reuniuse e emitiu o fallo o día 2 de marzo. Na comunicación da decisión nas redes sociais, a Fundación Otero Pedrayo comenta o seguinte: “O premio ao mellor traballo en grupo recaeu no IES Dionisio Gamallo Fierros polo seu traballo sobre Otero Pedrayo e Dionisio Gamallo Fierros. Presentaron un vídeo documental no que aportan e comentan material autógrafo e bibliográfico moi pouco coñecido ata o de agora e que deixou ao xurado totalmente abraiado”.
Desde o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo queremos mostrar o noso agradecemento ó xurado pola súa valoración e tamén á familia de Gamallo Fierros, especialmente ó seu sobriño Antonio Deaño, por permitirnos consultar e reproducir o epistolario de Otero Pedrayo a Gamallo e por facilitar as fotos que se inclúen no traballo.



page | by Dr. Radut