Este curso comezou a súa andadura o Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Cada luns, no recreo de mediodía, 28 alumnos e alumnas reúnense para realizar experimentos científicos guiados por Leticia Fernández Joven e Andrés Rodríguez Ramos, profesores do Departamento de Física e Química; Javier Rodríguez González, profesor de Tecnoloxía e Susi Besteiro Cabanas, profesora de Bioloxía.
A iniciativa ten como finalidade estimular o espíritu científico entre o alumnado e impulsar as vocacións STEM, orientadas ao ámbito tecnolóxico. Tamén pretende ser unha forma de potenciar a xa tradicional Feira da Ciencia, que na súa XXVIII edición contará con varios dos experimentos realizados no Club.
Como actividade de benvida, fíxose a práctica “Arte culinario”. Tódolos participantes elaboraron o seu propio cadro e comprobaron como os deterxentes alteran a tensión superficial permitindo mesturar o leite e os colorantes alimentarios.
O Samaín tamén tivo un toque científico, xa que ademais de “Saquiños fantasmas” e “Slime monstruoso”, co experimento “Cabazas tenebrosas”, o alumnado tivo a oportunidade de manipular xeo seco, comprobar a súa reacción coa auga así como facer pompas xigantes e curiosos vermes escumosos que non paraban de medrar.
Ó longo do mes de novembro, o mes da ciencia, tocou facer un experimento moi sinxelo pero que sempre sorprende ao alumnado: “Fluidos non newtonianos”. Para iso, mesturaron maicena e auga comprobando como a viscosidade pode variar coa tensión aplicada. Tamén experimentaron outra propiedade dos fluidos, como é a densidade, realizando vistosas “Lámpadas de lava” con aceite, auga, colorante e pastillas efervescentes. Finalmente, rematamos o mes fabricando “Visores de hologramas” con metacrilato e aínda que cortar as pezas non resultou doado, o alumnado quedaba abraiado cando ó rematar a estructura podía observar imaxes tridimensionais impresionantes coa axuda do móbil.
En definitiva, un Mes da Ciencia en Galego, celebrado por todo o alto: coa inauguración e posta en marcha do Club de Ciencia do IES Ribadeo. Seguiremos divulgando o noso saber científico...