Skip to Content

Blog da biblioteca

CERTAME LETRAS GALEGAS 2022 BIBILIOTECA VIEJO PANCHO

 

Difundimos no noso blog e tamén dende as aulas as bases da fase local do Certame de Narración e Debuxo infantil “Letras Galegas 2022” que, como outros anos, convoca a Biblioteca Municipal de Ribadeo Viejo Pancho para poder participar despois na fase provincial da Biblioteca Pública de Lugo. Este curso o lema proposto é “O que pasa ao meu arredor”. Pódese acceder ás bases premendo na imaxe.

 

Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho - Home | Facebook

NOVIDADES: LIBROS HISTORIA

 

O departamento de Xeografía e Historia incorporou á biblioteca catro atractivos títulos que teñen como fin achegar aos máis novos os coñecementos sobre a materia. 

MATERIAIS INFORMATIVOS PLAN LIA

Neste curso 2021-2022 ampliamos os nosos fondos coa partida económica para material informativo derivada do plan LIA, acollendo as propostas suxeridas polos distintos departamentos.

Departamento de Orientación

 

             

 

Departamento de Economía

Departamento de Tecnoloxía

Comisión de Igualdade

 

Biblioteca

RUTA POÉTICA EN CASTROPOL

  

Para conmemorar o Día Mundial da Poesía (celebrado o 21 de marzo) o departamento de Lingua e Literatura Castelá propuxo facer unha ruta literaria ofertada pola Biblioteca Popular Circulante Menéndez y Pelayo de Castropol. O luns 28 de marzo o alumnado de 3º de ESO percorreu distintos lugares da vila guiándose por un plano de situación poética. En cada un dos puntos situados no mapa, e a través da lectura dun código QR, escoitamos poemas representativos da literatura castelá nas voces de persoas relevantes no eido da cultura. Ademais a biblioteca propuxo ao alumnado o reto de averiguar qué dous poetas presentes na ruta fixeran estadía en Castropol e subir a resposta a Instagram. No sorteo entre as persoas que acertaron resultou premiada Ángela Alcántara Coto, de 3ºESO-A, que recibiu como premio dous carteis conmemorativos do centenario da biblioteca de Castropol. A bibliotecaria, Manuela Busto, agasallou tamén á biblioteca do noso instituto cos anteditos carteis e unha placa conmemorativa. Dámoslle as grazas pola súa excelente acollida.

 

 

ENCONTROS CON ESCRITORAS: ANTÍA YÁÑEZ

 

O 21 de marzo, convidada polo departamento de Lingua Galega e Literatura e coa colaboración do concello de Ribadeo, visitou o noso centro a escritora burelá Antía Yáñez para falar do seu libro Plan de rescate ao alumnado de 1º de ESO e de Educación Especial. Tras unha breve intervención da autora, que nos explicou conceptos como igualdade, equidade e inclusión, as rapazas e rapaces participaron dando a coñecer os comentarios ou reflexións que lles suscitou a lectura da obra (algúns deles expostos nun taboleiro no escenario do salón de actos) e facéndolle preguntas á escritora. Ao final do acto, o alumnado de Educación Especial entregoulle a Antía un mural sobre Plan de Rescate e a autora asinou exemplares do seu libro. Eva a traduciu as intervencións á lingua de signos. Grazas!

 

CLUB DE LECTURA- Una suerte pequeña

 

O luns 21 de marzo tivo lugar na biblioteca a quinta xuntanza do Club de lectura impulsado pola Comisión de Igualdade. Neste caso o título escollido foi a novela Una suerte pequeña, de Laura Piñeiro. Piñeiro narra a historia dunha muller danada que intenta superar o seu sentimento de culpa  regresando ao lugar onde viviu e enfrontándose co seu pasado.

LIBROS CONTRA AS GUERRAS

Sumándonos á repulsa pola invasión de Ucraína, e por todas as guerras, e confiando no poder da lectura e da memoria para facernos mellores e máis libres, expoñemos na biblioteca una pequena mostra de libros sobre este tema. Ao pé da mesma situamos un taboleiro aberto á participación de todxs. A nosa proposta é que o alumnado colabore deixando nel unha reflexión, comentario ou traballo sobre o tema. Pode tratarse dun poema, unha carta, un breve texto, un debuxo, un slogan… de autoría propia (preferentemente) ou allea.

  

PREMIOS CONCURSO CORES PARA ROSALÍA

 

No concurso Cores para Rosalía, unha das actividades convocadas con motivo da conmemoración do nacemento da autora, resultaron premiados Néstor Alejandro Bermúdez Polo, de 1º ESO-C e Nerea Fernández Prado, de 3º ESO-A. Noraboa aos agraciados!

PRÉSTAMO INTERBIBILIOTECARIO

 

No mes de febreiro 9 exemplares do libro Corredora, de María Reimóndez, viaxaron ao IES San Rosendo de Mondoñedo, solicitados pola coordinadora da biblioteca deste centro. Continuamos así a liña de préstamo interbibliotecario xa iniciada en cursos anteriores.

PLATAFORMA E-ELBE 2

A Consellería  vén de poñer en marcha a plataforma de lectura e préstamo de contidos dixitais  E-Elbe 2, que proporciona a alumnado, docentes e familias acceso a unha ampla colección de contidos nunha gran variedade de formatos. Pode acceder a eles calquera usuari@ da biblioteca do noso centro, integrado na rede Plambe. Os contidos están dispoñibles en diferentes linguas, cunha especial atención á presenza da lingua galega, e estruturados por temáticas, linguas, autoría, etapas educativas, xéneros (informativos e de ficción), para facilitar o acceso de usuarios e usuarias ás obras do seu interese. Trátase de contidos dixitais que poden utilizarse online e tamén offline, en todo momento e lugar, e que se adaptan a diferentes soportes de lectura (computador ou dispositivos móbiles).

Podedes acceder á plataforma premendo na imaxe:

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut