Skip to Content

Blog da biblioteca

CADA OVELLA COA SÚA PARELLA

  

O día 13 de febreiro o alumnado de 4º de ESO participou na actividade Cada ovella coa súa parella, que ten como obxectivo dar a coñecer o valor do refraneiro como transmisor da sabedoría popular. A mecánica é moi simple: Previamente ao encontro de ambos grupos, o alumnado de 4º A levou pegado un folio no peito coas primeiras partes de distintos  refráns, e o de 4º B un folio coas segundas parte dos mesmos. Unha vez rematado este proceso os dous grupos encontráronse no xardín do instituto e buscaron cadansúa parella para completar o refrán e logo explicar o seu significado. Como agasallo pola súa participación, entregouse a cada persoa unha caixa de sardiñas de chocolate acompañada dun refrán alusivo ao mar.

 

 

 

 

 

2º ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA RIBALEO-O verán no que miña nai tiña os ollos verdes

 

O luns 13 de febreiro tivo lugar a segunda xuntanza do clube de lectura RibaLEO en Igualdade. A novela escollida foi O verán no que miña nai tiña os ollos verdes, da escritora romanesa Tatiana Țîbuleac, que relata dunha maneira directa e crúa a convivencia durante un verán dunha nai e o seu fillo na busca dunha reconciliación que parecía imposíbel. A autora mergúllanos na historia a través dun estilo cheo de ironía e humor, cunha prosa pragada de lirismo, plasticidade e metáforas deslumbrantes. 

 

 

 

NOVIDADES-CÓMIC

 

Adquiridos polo departamento de Xeografía e Historia, contamos cos 5 volumes da serie "La espada de San Eufrasio”, cómic histórico baseado na Galicia medieval , creado polos guionistas Pepe Rey e Miguel Fernández e o debuxante Manuel López Poy.

 

NOVOS TÍTULOS EN FORMATO ELECTRÓNICO

 

Ampliamos os libros dispoñibles en formato electrónico con 12 novos títulos:

 

A arte de trobar, Santiago Lopo

Golpes de luz, Ledicia Costas

O neno de lume, Ledicia Costas

A gruta da torre, Lois Pérez

Plan de rescate, Antía yáñez

Tierra, Eloy Moreno

Palabras envenenadas, Maite Carraza

Desconocidos, David Lozano

Ninfa rota, Alfredo Gómez

El sueño de Berlín, Ana Alonso

El pan de la guerra, Deborah Ellis

Mentira, Care Santos

 

PRÉSTAMO INTERBILIOTECARIO - Usha

Continuando coa nosa intercolaboración con bibliotecas da Mariña, o IES Monte Castelo de Burela cedeunos amablemente 15 exemplares da novela Usha, de María Reimóndez, que foron repartidas entre o alumnado participante no concurso de lectura celebrado no primeiro trimestre do curso.

 

NOVIDADES XANEIRO- LIBROS

 

Libros departamento de Xeografía e Historia

A biblioteca actualiza a súa sección de Xeografía e Historia cun lote de libros adquiridos polo departamento.

 


 

Eira das mouras

Compilación de 19 artigos que versan arredor de distintos aspectos da cultura galega publicados polo xornal Sermos Galiza entre xullo de 2016 e marzo de 2019.

 

 

Relatan…Nós

Antoloxía de 17 relatos de destacadas autoras e autores da nosa literatura actual recompilados polo xornal Sermos Galiza para celebrar os seus dez anos de existencia. Estes textos foron publicados nas páxinas do xornal ao longo do ano 2022.

 


 

 

1º ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA RIBALEO

 

O luns 23 de xaneiro tivo lugar a primeira xuntanza do clube de lectura. Tomando como base dous dos ciriterios fundacionais do club, que son a perspectiva de xénero e o uso da lingua galega, a novela escollida foi A culpa, de María Reimóndez. O encontro deu pé a tratar e debater as múltiples temáticas que aborda a novela (o sentimento de culpa, a maternidade, a violencia obstétrica, a prostitución, a homosexualidade, o maltrato, os abusos sexuais na infancia, o desamparo afectivo, a educación regrada e non regrada…) e contou coa intervencion da autora, María Solar, a través duns audios enviados ao grupo. A reflexión sobre a lectura, que non deixou a ninguén indiferente, continuou unha vez rematada a reunión a través do wassap do club.

 

 

 

 

CALENDARIO LUZ POZO GARZA

 

O alumnado de 2º de BAC da materia Literatura Galega e Sociedade, coordinado polo profesor Suso Fernández Acevedo, deseñou o noso calendario anual, adicado á poeta ribadense Luz Pozo Garza. Cada mes do ano recolle un poema da autora acompañado dunha fotografía alusiva ao seu contido. As imaxes, preferentemente de Ribadeo e a súa contorna, son fotografías orixinais realizadas polo alumnado. 

 

 

 

 

FORMACIÓN PLATAFORMA ELBE-2

 

A plataforma de lectura dixital ELBE.2 ofrece durante o segundo trimestre do curso unha serie de webinars de formación básica pensadas para que os/as usuarios/as podan tirar o máximo proveito deste recurso para a lectura. Eestas sesións de formación on-line están abertas a todo o usuariado da plataforma, tanto para os equipos da biblioteca e docentes en xeral como moi en espacial para o propio alumnado. Por este motivo están programadas en diferentes días da semana e horarios, na procura de que o máximo número de usuarias/os, cando menos, podan asistir a algunha das sesións, segundo os seus horarios lectivos.

Atoparedes toda a información sobre as webinars premendo na imaxe adxunta e na propia plataforma de lectura ELBE.2. 

 

CONCURSO DE LECTURA - Usha

 

O 22 de decembro tivo lugar na biblioteca un concurso de lectura sobre a novela Usha, de María Reimóndez, para o alumnado de 1º de ESO. A gañadora foi Helia García González, de 1º ESO-C, que recibiu como agasallo unha figura lectora de cerámica de Buño e dúas entradas para o cine. Todas as persoas participantes levaron como recordo un diploma participativo, un caderno da biblioteca e un orixinal bolígrafo. Grazas pola vosa participación!

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut