Skip to Content

RADIOIESRIBADEO, inauguración

Un curso máis, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participa en Contratos Programa en distintas liñas. Unha delas é Eduemociona, que ten como finalidade favorecer estratexias que potencias a intelixencia emocional, a autoestima, a empatía, a superación e o autocontrol. Entre as medidas concretas e desenvolver está iniciar o proxecto de Radio Escolar "RadioIESRIBADEO", xa que este curso contamos coa axuda do profesor Fernando Losada, que coñece ben o tema e participou en proxectos parecidos noutros centros.

Na nosa web xa está habilitado un espazo adicado á "RadioIESRibadeo" para difundir entre toda a comunidade educativa as actividades do día a día. Dámola por inaugurada coa entrevista á fotógrafa ribadense Cris Andina, feita polo alumnado de 1º de Bacharelato coa axuda da profesora María Ron aproveitando a súa visita ao centro para impartir a charla "Olladas de Muller" en conmemoración do 8 de marzo.

Tamén se pode escoitar un podcast sobre Emilia Pardo Bazán feito pola profesora Laura Berciano co alumnado de 3º ESO e en breve subiremos as entrevistas con: "Mª Antonia Yáñez Iglesias, a Avoa Mariscadora" e con "Laura Vallejo", realizadas polo alumnado de 1º ESO na materia de Igualdade de Xénero dentro do proxecto coeducativo "Os meus referentes" dirixido pola profesora Teresa González Piñeiroa.

Finalmente, queremos agradecerlle a Andrés Bermúdez, alumno de 1º de Bacharelato a composición que fixo para ser empregada como jingle e sintonía da nosa radio.

Animádevos a participar na RadioIESRIBADEO!!!

Premiadas na XII Olimpíada de Xeografía.

O pasado mes de marzo, o alumnado de 3º ESO e de 2º de Bacharelato participou na XII Olimpíada de Xeografía organizada polo Colexio de Xeógrafos de Galicia xunto co Departamento de Xeografía da USC. É un gran orgullo para o noso centro ver como o alumnado se implicou e participou de maneira activa na visibilización da Xeografía. Dámoslles os máis sinceros parabéns, especialmente a Paula García Freire e a Irene Logares Carbajales polo 1º e o 4º premio respectivamente.

ACTIVIDADES PARA O DÍA DE EUROPA

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como unha das 6 escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo, e coa coordinación desde o departamento de Filosofía, presentou hoxe as actividades que van ter lugar os vindeiros días con motivo do  DÍA DE EUROPA . Algunhas destas actividades xa tiveron lugar durante a mañá do 22 de abril cando as alumnas da materia de Filosofía participaron na V Asamblea virtual do Modelo de Parlamento Europeo na que se discutiu sobre A problemática da adolescencia deste momento de pandemia.

Tamén durante estes días distribuíronse MAPAS EUROPEOS en diversas aulas do centro e nos colexios da zona, para animalos a participar na conmemoración do DÍA DE EUROPA. (Se alguén quere facerse con un destes MAPAS só ten que pedilo).

Do luns 26 ao venres 30 de abril, e coincidindo con la celebración da Semana de Acción Mundial pola Educación levaremos a cabo unha actividade, en colaboración co departamento de Educación Física, e organizada por SAVE THE CHILDREN chamada KILÓMETROS SOLIDARIOS. o alumnado acumulará quilómetros a través dunha aplicación e buscará apadriña- e amadriñamento en función dos quilómetros que fagan. Desta maneira respectaremos todas as medidas sanitarias establecidas, incentivaremos a actividade física entre o noso alumnado e promoveremos a defensa da Educación en todos os ámbitos da nosa comunidade.

Desde o luns 26 de abril estará exposta na entrada do centro a exposición Francesc Boix: O fotógrafo de Mauthausen, que conta tamén cunha documentación fílmica que pode ser visionada no salón de actos (prégase avisar en Dirección se se quere facer visita e ver os videos).

O xoves 6 de maio teremos dous Talleres ERASMUS (no salón de actos) en colaboración con Europe Direct A Coruña, Erasmus Student Network e as Escolas Embaixadoras e Mentoras do Parlamento Europeo en Galicia e as escolas Sénior. O TALLER 1 desenvolverase desde as 9:30 horas durante 50 minutos e asistirá alumnado de 1º BACH C e alumnas de 4º ESO. O TALLER 2 desenvolverase desde as 12:00 (50´) e asistirá  alumnado de 1º BACH B e de 2º BACH (hai listado de asistentes)

Durante o recreo do venres 7 de maio, proxectaremos no patio de columnas VIDEOS SOBRE A UNIÓN EUROPEA que en cursos precedentes levaron a cabo alumnos e alumnas do centro nas materias de Filosofía e na optativa EUROPA de 1º BACH, como por exemplo o video sobre a Historia da UE realizado por Clara Maseda e Raquel Pardo no 2016.

 

Tamén aproveitamos para divulgar noticias sobre o PARLAMENTO EUROPEO no taboleiro no mesmo lugar, e de forma virtual no espazo TWITER @Cosmopolitas1.

 

(23/04/2021): DÍA DO LIBRO.

Este ano celebramos o 23 de abril da man do alumnado de 2º ESO e de 4º ESO, dirixido pola profesora de Lingua Castelá e Literatura Rosa Paz, artífice desta fermosa e emotiva actividade na que numersoso personaxes da literatura universal decidiron abandonar as páxinas dos libros para visitarnos e contarnos a súa historia desde unha perspectiva de xénero, igualitaria e diversa. Agradecemos profundamente o traballo feito e o tempo empregado para que todo saíse perfecto nun día tan especial para nós como é o Día do Libro.

V ASAMBLEA DE ARAGÓN MODELO PARLAMENTO EUROPEO

Mañá xoves 22 de abril desde as 9:00 horas da mañá celebraremos a V ASAMBLEA EXTRAORDINARIA DE ARAGÓN (MEP), que se desenvolverá segundo o seguinte horario:

Unha actividade de debate e reflexión que introduce ao alumnado nas problemáticas que afectan a toda a sociedade. Nesta ocasión o tema é: 

¿Cómo resolverías los principales problemas de los adolescentes en esta época de pandemia?

(Educación, libertad, recursos económicos, problemas emocionales, sociales y familiares)

AQUÍ tedes o enlace á Sesión de debate desta V ASAMBLEA EXTRAORDINARIA DE ARAGÓN MEP

As alumnas de 4º ESO da materia de Filosofía, coa colaboración de alumnas de 1º BACH que participaron na Sesión Autonómica do MEP do pasado novembro, e todas elas EMBAIXADORAS JUNIOR DO PARLAMENTO EUROPEO, terán presencia activa e en directo entre ás 10:30 e ás 11:30, na sesión de debate da Asamblea II. Un traballo que levan preparando en diferentes xornadas e con diferentes recursos. UNha xornada moi completa que abrangue desde as 8:45 horas ata as 14:30, e na que estiveron presentes as nosas alumnas, salvo ausencias determinadas por motivos de exame ou outras prioridades....

   

(18/03/2021): PAMELA PALENCIANO: "No solo duelen los golpes".

O pasado xoves 18 de marzo, o alumnado de 4º ESO e de 1º de Bacharelato (da materia Coeducación para o século XXI) acudiu ao Teatro de Ribadeo para disfrutar do monólogo teatral da humorista, comunicadora e activista feminista Pamela Palenciano. "No solo duelen los golpes" é un relato autobiográfico sobre a violencia de xénero a través do humor e a ironía.

Foi unha actividade organizada desde a Área de Igualdade do IES pola profesora Teresa González Piñeiroa e financiada pola Concellaría de Igualdade, Ensino e Mocidade do concello de Ribadeo.

(4 e 16/03/2021): Olimpíada Xeografía 2021.

Como cada ano, o Colexio de Xeógrafos de Galicia, xunto co Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, organizan a "Olimpíada de Xeografía" a nivel autonómico, un concurso de preguntas sobre esta materia, no que pode participar todo o alumnado matriculado en 3º da ESO e no 2º curso de Bacharelato que curse Xeografía. A súa finalidade é visibilizar a Xeografía na sociedade e fomentar o interese do alumnado por esta ciencia, que se atopa estreitamente ligada ao territorio e que nos axuda a comprender o mundo no que vivimos, tanto o medio natural como as actividades humanas que se desenvolven nel.

Este ano, a XII Olimpíada de Xeografía realizouse o 4 de marzo co alumnado de 3º ESO e o 16 de marzo co de 2º de Bacharelato en modalidade on line, por mor das circunstancias derivadas da situación sanitaria actual.

A alumna de 2º Paula García Freire resultou gañadora, polo que pasa á seguinte fase, a Olimpíada de Xeografía a nivel nacional. Irene Logares Carbajales quedou cuarta a nivel de Galicia. As nosas máis sinceras felicitacións a Paula por ese merecidísimo e difícil primeiro posto!

 

(11/03/2021): Masterclass de actividades relacionadas coa Física de Partículas.

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi), organizou unha xornada ou "Masterclass" de actividades relacionadas coa Física de Partículas destinada a estudantes de bacharelato.

Consistiu nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas actual, ademais dunha práctica realizada en grupo cuxos resultados foron discutidos mediante videoconferencia con outros centros internacionais que organizan simultaneamente unha xornada idéntica.

Na Masterclass participaron Julia García Ríos, Juan López Acebo e Javier Pérez Vargas de 2º Bacharelato, estudantes capaces de aproveitar a experiencia, dada a súa afección pola ciencia e o coñecemento do inglés, importante para a realización da videoconferencia.

 

(12/03/2021): Cris Andina - OLLADAS DE MULLER, Mulleres no Obxectivo.

Inscrita nas actividades relacionadas co 8 de marzo, Día Internacional da Muller, tivemos a oportunidade de disfrutar coa visita da fotógrafa Cris Andina, antiga alumna do IES.

O alumnado de 1º de Bacharelato, que cursa a materia de Música, fíxolle unha entrevista coordinada pola profesora María Ron que foi gravada nun podcast que inaugurará a recén creada radio escolar. Ademais, Cris deu unha charla para 1º de Bacharelato e 4º ESO que cursa a materia de Portugués coa profesora Dores Fernández Abel na que relatou a súa experiencia persoal e destacou o papel das mulleres no mundo da fotografía.

Agradecemos moito a visita de Cris ao noso centro e a súa xenerosidade á hora de ceder unha serie de cadros que estarán expostos ao longo do mes de marzo para que toda a Comunidade Educativa do IES poida visitalos.

GALERÍA DE IMAXES: CHARLA, EXPOSICIÓN DE FOTOS, PODCAST

 

Distribuir contido


by Dr. Radut