Skip to Content

Blog da biblioteca

LIBROS ADICADOS- Sabela Núñez Singala

A escritora Sabela Núñez Singala adicou á biblioteca un exemplar da súa novela O agasallo de Anya co motivo do encontro que mantivo o 12 de xuño co alumnado do agrupamento de 1º ESO e mais o de Educación Especial.

 

ENCONTROS CON ESCRITORAS: Sabela Núñez Singala

 

O luns 12 de xuño o alumnado do agrupamento de 1º ESO e mais o de Educación Especial, acompañados polo seu profesorado, recibiron a escritora Sabela Núñez Singala para comentar a súa novela O agasallo de Anya.

 

 

 

 

ASISTENCIA AOS XV ENCONTROS DE CLUBS DE LECTURA DAS B.E. DE GALICIA

Como centro que se incorporou o presente curso, asistimos o 5-6-22 aos XV Encontros de clubs de lectura convocados pola consellería de Educación. Foi unha xornada moi proveitosa que se abriu coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2023, que desta vez recaeu no escritor Manuel Núñez Singala, e se pechou coa magnífica disertación da poeta Olga novo A lectura do infinito.

 

  

NOVIDADES LIBROS

 

Incorporamos á bilboteca os seguintes títulos:

 

Catálogos de arte

 

A Consellería de Educación enviou para a biblioteca varios catálogos de arte doados pola Fundación María Cristina Masaveu. Trátase de artistas como Alberto García Alix, José Manuel Ballester, Ouka Leele e Joaquín Rubio Camín, que traballan nos eidos da fotografía, pintura, escultura e deseño. O lote inclúe tamén un catálogo da colección Masaveu.

 

 

 

Unha volta ao mundo

 

Da autoría de Joseba Sarrionandía, narra a chegada dos navegantes españois a América dende un punto de vista didáctico, a través dun diálogo que manteñen unha avoa (profesora de Historia) e a súa neta. 

 

 

Museo do castro de Viladonga 

 

Editada pola Xunta de Galicia, trátase dunha guía dos fondos e das funcións e actividades que o museo vén realizando dende hai máis de 25 anos. Inclúe a tradución do texto orixinal galego a inglés, francés e alemán.

 

 

5º ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA RIBALEO- A arte de trobar

 

 O martes 27 de xuño tivo lugar a quinta e última xuntanza do clube de lectura RibaLeo en Igualdade. Rematamos o curso coa novela A arte de trobar, de Santiago Lopo. Novela de aventuras ambientada na Idade Media, recrea o mundo literario da lírica trobadoresca e a persecución levada a cabo pola Inquisición no contexto da herexía cátara. Con marcado protagonismo feminino, convídanos a revisar con sentido crítico a contribución das mulleres na historia e na literatura.

 

 

 

PALABRAS PARA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o alumnado de ESO, coordinado pola profesora do Departamento de Debuxo Chus Colmenero, escolleu fermosas palabras en lingua galega e fixo un dibuxo alusivo a elas sobre tea ou papel. Os debuxos feitos en papel decoraron as portas das aulas e os feitos en tea coséronse a xeito de tapiz e adornaron os corredores do instituto.

 

 

 

 

NOVIDADES- Libros Letras Galegas

Con motivo de adicarse o Día das Letras Galegas do ano 2023 ao iIustre Francisco Fernández del Riego, pasan a formar parte da biblioteca a crónica de viaxes Galicia, da súa autoría, e o estudo sobre o escritor de Héctor Cajaraville titulado Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro, publicado na coleccion Merlín da editorial Xerais, para facelo accesible ao público máis novo.

 

DOAZÓNS

A Deputación de Lugo cedeulle ao instituto cinco libros que abranguen temas diversos: Filosofía, Pedagoxía, Historia, Música e Formación Educativa. Algúns quedarán na biblioteca e outros pasarán a formar parte dos departamentos correspondentes.

 

 

4º ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA RIBALEO- Flores de ferro

 

O luns 15 de maio tivo lugar a cuarta xuntanza do club de lectura RibaLeo. A obra escollida foi Flores de ferro, coa que debuta a escritora María Rei Vilas. Novela conmovedora e chea de intriga, cun destacado protagonismo das mulleres, uns personaxes inesquecibles e unha ben urdida trama onde as vítimas silenciadas, as flores de ferro desta historia, poden procurar, polo menos, unhas pingas de xustiza. 

 

 

 

 

PASEO POLAS LETRAS

 

No mes de maio o alumnado de 2º de BAC da materia Lingua Galega e Sociedade realizou o noso tradicional Paseo polas Letras acompañado do seu profesor e membro do Equipo da Biblioteca Suso Fernández Acevedo, seguindo un itinerario literario por Ribadeo que percorreu os puntos máis significativos das nosa letras.

 

Podedes facer o roteiro de xeito virtual premendo AQUÍ.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut