Skip to Content

Blog da biblioteca

LIBROS INCLUSIÓN PLAN LÍA

A consellería de Educación, dentro do Plan Lía de Bibiotecas Escolares, asignou ao centro unha partida económica para o chamado “desafío número 3”, A biblioteca inclusiva.  Baixo este epígrafe preténdese dotar ás bibliotecas escolares dos recursos necesarios para atender de forma axeitada ao alumnado con necesidades educativas de apoio específico, ofrecéndolle oportunidades adaptadas e enriquecedoras para a adquisición e reforzo de habilidades e de competencias clave.

 

Velaquí unha fotografía do material adquirido:

 

XOGO “TRIBO”, UNHA BARALLA POLA IGUALDADE

 

A Concellaría de Igualdade de Ribadeo cedeu á biblioteca un exemplar do xogo de cartas “Tribo”, onde as protagonistas son mulleres senlleiras de todas as nacionalidades. A iniciativa parte do proxecto “Quero ser coma…”, que naceu coa finalidade de visibilizar as mulleres e os seus logros ao longo da historia, moitas veces ocultos ou silenciados. Colaborou na iniciativa o alumnado de 3º e 4º de ESO de Educación Plástica coordinado por Chus Colmenero e o alumnado de Coeducación, coordinado por Teresa González.

 

 

LIBROS SEMINARIO PERMANENTE DE EDUCACIÓN EMOCIONAL

 

20 membros do profesorado do instituto participan nun Seminario Permanente asociado á liña dos Contratos-Programa. Leva por título A educación emocional como eixe transversal da convivencia, a excelencia académica e a educación para a saúde. Como parte do material de traballo adquiríronse unha serie de libros relacionados co tema que pasarán a formar parte da nosa biblioteca.

 

EXPOSICIÓN PERMANENTE DE MINILIBROS

 

O primeiro trimestre deste curso 2020-2021 puidemos ver e admirar de cerca nunha exposición situada no vestíbulo principal do instituto: os “minilibros” realizados de xeito artesanal polo alumnado durante o confinamento, por iniciativa da profesora Rosa Paz Rico. Agora foron cedidos á Biblioteca, pasando a formar parte dunha exposición permanente. Polo de agora están situados no corredor que dá acceso á mesma, que funciona como unha especie de anexo para paliar a falta de espazo motivada polo protocolo anti-covid.

 

 

 

 

 

LIBROS FEMINISTAS EN INGLÉS

Ampliamos o noso fondo de libros con sete títulos en lingua inglesa vinculados dalgún ou outro xeito ao pensamento feminista.

 

FORMACIÓN DE NOV@S USUARI@S

Coma todos os anos, este primeiro trimestre do curso 2020-21 tiveron lugar as Xornadas de Formación de Nov@s Usuario@s da Biblioteca para o alumnado de 1º de ESO.  Iso si, coas restriccións impostas polo protocolo contra o Covid.

Desenvolvéronse en catro horas lectivas para cada grupo, tres delas na aula cos respectivos titores ou titoras e unha sesión práctica na biblioteca coa coordinadora. A través desta actividade adquiriron coñecementos sobre distintos aspectos da biblioteca: normas que rexen o seu uso e funcionamento, distribución do espazo, organización dos fondos, xestión a través de Meiga e, sobre todo, interpretación da sinatura dun libro como código que nos permite localizar e ordenar os exemplares nas distintas seccións. O obxectivo da actividade é  formar usuarios que se manexen con total autonomía na biblioteca e saiban sacar partido de todas as posibilidades que ofrece.

 

 

 

A PALABRA DO ANO

Queremos difundir unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié animando a toda a cidadanía a participar na escolla colectiva da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico impulsado por ambas as institucións. Agardamos que a iniciativa sexa do voso interese e animávosvos a participar.

A primeira fase, a de recepción de propostas, permanece aberta ata o domingo 13 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón: https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

O luns 14 de decembro anunciaranse as palabras finalistas e abrirase o prazo de votación, que rematará ás 23:59 horas do venres 25 de decembro.

 

Podedes participar premendo na imaxe

 

CALENDARIO DE ADVENTO

 

Queremos facernos eco dunha fermosa iniciativa desenvolvida dentro do programa europeo Naple Sister Libraries polas Bibliotecas Municipais asturianas de Castropol e Vega-La Camocha irmanadas con dúas bibliotecas croatas. Trátase dun calendario de advento moi cinematográfico onde cada día está asociado a unha película. Podes acceder a el premendo na imaxe. Iso si: debes agardar a que chegue o día correspondente para desvelar a sorpresa que agocha.

 

A ÁRBORE DA INCLUSIÓN

 

Este Nadal a nosa árbore cede o seu espazo a libros da biblioteca que fomentan a inclusión, intentando desbotar os prexuízos contra todo o que se considera “diferente”. Cada un dos títulos escollidos leva un breve comentario referido ao seu contido, agardando despertar o interese pola súa lectura. A exposición amplíase con algúns títulos situados na sección de Novidades. Agardamos a vosa visita. Bo Nadal!

 
 
 
 

NOVA SECCIÓN: ECONOMÍA

  Ampliamos a nosa biblioteca cunha nova sección, a de Economía. Aos xa existentes sumouse un lote de lbros adquiridos polo departamento.

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut