Skip to Content

Blog da biblioteca

WORLDLE EN GALEGO

Xa temos dispoñible o Wordle en galego (adaptado por Abraham Martínez Gracia), o que é unha magnífica nova para as linguas, que ven así como os usuarios enriquecen o seu vocabulario á vez que se divirten.

Este xogo en liña de adiviñar palabras de 5 letras converteuse en todo un fenómeno pola súa proposta de adiviñar unha palabra ao día e poder compartir as xogadas a través das redes sociais, incitando aos usuarios a tentar adiviñar a palabra do día en menos pasos que os seus amigos e coñecidos.

A mecánica de Wordle é moi sinxela: consiste en adiviñar unha palabra de cinco letras cada día, para o que teremos seis intentos. A cada intento veremos como as letras que propomos figurarán en verde se están na palabra e na posición atinada, en amarelo se a letra está na palabra e na posición incorrecta e en gris se non forma parte da palabra.

Podedes acceder a el premendo na seguinte imaxe:

 

 

 

CALENDARIO DO MAR

 

Un curso máis, por iniciativa de Suso Fernández Acevedo, coordinador do EDL e membro do equipo da Biblioteca, edítase o calendario anual do centro. Esta vez o motivo central é o mar: doce fotos realizadas polo alumnado acompañadas de cadanseu poema de autoras e autores relevantes da nosa literatura. Entre eles, as voces de dúas poetas ribadenses: Luz Pozo Garza e Paloma Díaz Andina.

 

 

ADOPTA UN LIBRO

Baixo o lema Adopta un libro, establecimos tres puntos con libros e outros tipos de publicacións que se poden levar libremente. Están á vosa disposición no vestíbulo principal, a entrada por conserxería e o corredor de acceso ao comedor.

 

 

LIBROS

Incorporamos aos noso fondos dous novos títulos:

O idioma galego baixo o franquismo, de Henrique Monteagudo, continuación da súa célebre Historia social da lingua galega. 

A novela A Barcelonesa, de Xavier Paz,  neto do emigrante barreirense Bernardo Cendán Palmeiro. A obra, centrada na Mariña Lucense e na emigración nesta comarca, relata a historia da súa su familia arredor dun gran inmueble situado á entrada de San Cosme, que primeiro foi a casa de postas A Barcelonesa, logo A Casa das Lourenzas e  finalmente o hostal O'Santiño. 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/barreiros/2022/01/23/barcelonesa-familia-emigrante-barreiros-regento-santino/0003_202201X23C4992.htm

               

PRÉSTAMO COLABORATIVO- 2ª avaliación

 

 

 Se te animas a partillar os teus libros, déixaos no despacho de Beatriz. Non esquezas anotar na primeira páxina o teu nome, apelidos e curso. Estes son os próximos títulos que precisamos para a 2ª AVALIACIÓN:

 

CASTELÁN

 

La isla de Nuncameolvides [Ricardo Gómez](1º ESO)

Violet y Finch[Jennifer Niven](3º ESO)

La casa de Bernarda Alba[Federico García Lorca](4º ESO)

Marina[Carlos Ruíz Zafón](4º ESO)

Nada[Carmen Laforet](1º BAC)

Música para feos [Lorenzo Silva](1º BAC)

 

GALEGO

 

O que sei do silencio[AndreaMaceiras](2º ESO)

O corazón de Xúpiter[Ledicia Costas] (3º ESO)

Made in Galiza [Sechu Sende] (4º ESO)

Resistencia[Rosa Aneiros] (1º BAC)

 

 

 

                     

CLUB DE LECTURA

O martes 21 de decembro de 2021 tivo lugar a segunda reunión do Club de Lectura, impulsado pola Comisión de Igualdade. O título escollido para esta xuntanza foi Del color de la leche, da novelista inglesa Nell Leyshon, poderosa historia na que á súa protagonista, Mary, unha adolescente de 15 anos, só lle queda o poder de contala para tratar de atopar sosego na palabra escrita e para deixar testemuño da súa traxedia. A memoria do sufrimento de Mary só pode recuperarse de novo no silencio da nosa lectura e no feito de compartila. A biblioteca colaborou coa adquisición de varios exemplares da novela, cuxa lectura recomendamos vivamente.

E o luns 10 de xaneiro, na súa terceira xuntanza, e primeira de 2022, comentouse a novela Feria, de Ana Iris Simón, un relato dun tempo recente da nos historia que suscita opinións e lecturas diverxentes. 

 

                  

 

LIBROS ADICADOS-PRESENTACIÓN LIBRO EVA MOREDA

Asistimos o 23-12-21 á presentación do libro O infinito no pé, da autora ribadense e exalumna do instituto Eva Moreda. No acto, organizado pola asociación Francisco Lanza, a escritora falou  de como se xestou a súa obra e proporcionou algunhas claves para entendela. O seu escrito, a medio camiño entre a ficción e o ensaio, xira en torno á redescuberta da chamada ribeirnana, unha danza baile endémica da comarca bergantiñá. Tamén participou na presentación Serxio Cobos, autor dos bailegramas que se inclúen ao final do libro. Ambos nos asinaron un exemplar da obra, que pasa a formar parte da nosa sección Local.

 

 

PEQUENA GUÍA DA MÚSICA EN GALEGO

Elia Lago é a autora desta PEQUENA GUÍA DA MÚSICA EN GALEGO que é unha gran oportunidade de descubrir pezas e artistas dos máis diversos estilos musicais pero cun denominador común, a lingua que nos une. Moitas das artistas teñen perfís onde penduran a súa música, anímate a apoiar e compartir música en galego!

 

Para acceder a ela preme na imaxe

LIBROS ADICADOS

 

O escritor mariñán Xosé Cando Rancaño adicounos o seu último libro e agasallounos cun exemplar do mesmo que pasa a formar parte da nosa sección Local. Trátase de Dous paporrubios pirlando, poemario escrito en coautoría con Elvira Cereixo, unha orixinal proposta que  recolle os pirlares de dous paxariños, un en cada póla: un pírlalle ao outro en cada cantiga coas letras do seu nome encabezando cada verso, de tal xeito que cada poemiña, na súa verticalidade,  leva o nome e, en algúns casos o apelido, de a quen vai adicado o pirlar.

A PALABRA DO ANO

Dende a web da biblioteca animámosvos a sumarvos, un ano máis, á participar na escolla da Palabra do Ano, iniciativa que xorde a partir  do Portal das Palabras,  proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. 

A Palabra do Ano trata de identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou para mal, na actualidade máis próxima ou global e será elixida polas persoas participantes nunha votación popular cuxo resultado se dará a coñecer nos últimos días do 2021.

 Podedes acceder á votación premendo na imaxe:

 

Portal das Palabras - Palabra do Ano

Distribuir contido


by Dr. Radut