Skip to Content

Blog da biblioteca

ETIQUETADO

  Visibilizamos os libros de determinadas seccións a través do etiquetado. Os exemplares de literatura xuvenil en galego levan escrito a man no lateral da etiqueta da sinatura as iniciciais X.G.; os de literatura xuvenil en castelán X.C. e os de banda deseñada B.D. Para a sección Con L de Local colocamos no lombo dos libros un  L azul ben visible e para os  de Literatura Feminista un F maiúsculo en cor violeta.

 

     

COLABORACIÓN COA BIBLIOTECA MUNICIPAL

A principios de curso enviamos á biblioteca Municipal Viejo Pancho de Ribadeo unha listaxe de lecturas propostas para o  presente curso, con vistas a que poida dispoñer de exemplares das mesmas a disposición do alumnado. Asemade, difundimos calquera proposta emanada da mesma, como a participación en talleres ou certames.

 

PINS ROSALÍA

 

Unha iniciativa máis que se suma á celebración do Día de Rosalía: o EDL deseñou uns pins cun breve texto da autora para repartir entre alumnado e profesorado.

ROSALÍA EN IMAXES

Con motivo do Día de Rosalía, o vindeiro 23 de febreiro, Suso Fernández Acevedo, coordinador do EDL e membro do equipo da Biblioteca, elaborou a presentación Rosalía en imaxes. Nela, á parte de ver fotografías da nosa escritora máis universal, podemos apreciar que se converteu nunha icona representativa da nosa cultura cuxa imaxe está plasmada en todo tipo de soportes  e tendencias: retratos, debuxos, carteis, arte pop, graffiti, roupa, complementos, cadernos, cuncas, portadas de discos…Mesmo foi imaxe dun billete e deu nome a un avión das liñas aéreas norueguesas.

Proxectarase na biblioteca na semana do 21 ao 25 do presente mes e podedes acceder ao seu visionado premendo na seguinte imaxe:

PLATAFORMA GALICIALE

 Como xa o fixemos no seu momento con Elbe-2, gustaríanos difundir entre a comunidade educativa a plataforma GaliciaLe. Trátase dunha plataforma  de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas e proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital. As obras poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facerse, ademais, dende un lector de libro electrónico. Só se precisa dispoñer dun correo electrónico e ser usuari@ con carné de calquera das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Pódese acceder a ela premendo na imaxe.

 

DOAZÓNS

-Con motivo dunha exposición homónima ubicadar na Oficina de Turismo de Ribadeo, na que podemos ver ata o 20 de febreiro instrumentos de música medieval elaborados polo Obradoiro- Escola de instrumentos musicais galegos, o concello cedeunos un exemplar do libro A memoria do son, que inclúe, entre outros contidos de interese, unha descrición dos instrumentos presentes na exposición.

 

- A profesora de portugués Dores Fernández doou á biblioteca un curioso libro: trátase dunha edición trilingüe (en mirandés, portugués e castelán) do relato de Alcides Meirinhos (Vicepresidente da Asociación da Lingua e Cultura Mirandesa) Manouol Ruano Nabegador de l Praino. Está á vosa disposición na sección de Portugués.

- A Biblioteca Provincial de Lugo cedeunos un exemplar do libro Pioneirade Ciencias de Lugo, de Isabel Fernández García, que recolle a biografía de mulleres que desenvolveron o seu traballo no eido da ciencia nadas en Lugo ou que tiveron relación con Lugo.

- Varios títulos de narrativa en galego doados pola familia de Claudia Graña González, exalumna do noso centro.

 

CLUB DE LECTURA- Sibila

O luns 7 de febreiro tivo lugar na biblioteca a cuarta xuntanza do Club de lectura impulsado pola Comisión de Igualdade. Neste caso o título escollido foi a novela Sibila, de Rosa Aneiros. A lectura do libro, unha distopía quizais só na súa apariencia, suscita reflexións e debates éticos sobre complexos temas de actualidade: a procura da propia identidade, o ecoloxismo, a maternidade, a soidade, a deshumanización…que non deixan a ninguén indiferente.

 

 

 

COLABORACIÓN ACTIVIDADES Día da muller

A Comisión de Igualdade, en colaboración co Departamento de Orientación, deseñou unha serie de actividades para desenvolver nas titorías con motivo da celebración do  Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia  (11 de febreiro) e Día da Muller (8 de marzo). Cada grupo deberá seleccionar unha muller representante das distintas disciplinas científicas coa fin de elaborar fichas informativas que se farán visibles na porta da aula, para posteriormente elaborar un mural colectivo.

A biblioteca colabora poñendo a disposición do alumnado e profesorado unha selección de libros sobre este tema.

 

CORES PARA ROSALÍA

 

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía.  Con este motivo a biblioteca e o EDL organizan a actividade Cores para Rosalía. Trátase dunha sinxela exposición de retratos de Rosalía e un colorido tendal con poemas da autora. Convidamos ao alumnado a participar nun concurso no que cómpre responder a catro sinxelas preguntas relacionadas cos textos. As papeletas coa resposta depositaranse nunha urna e o 25 de febreiro sortearemos un agasallo. Asemade, durante esa semana proxectaranse imaxes protagonizadas por Rosalía e o día conmemorativo do seu nacemento escoitaremos poemas musicados da autora. Agardamos a vosa visita.

 

 

 

 

LIBROS ADICADOS- PRESENTACIÓN Jaloffeim

 

O 28 de xaneiro asistimos na Casa de Cultura do concello á presentación do libro Jaloffeim, primeiro poemario en galego do poeta veigueño Pablo Trabadelo. Igual que o fixera coa súa obra anterior, Navalla, Pablo adicounos o seu novo libro, que pasa a formar parte da nosa sección Local.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut