Outras actividades biblioteca
Día do Libro
Para celebrar o Día do Libro, durante a semana do 24 ao 28 de abril, a Biblioteca do centro colocou na ágora unha mesa de “libros orfos que buscan un fogar” co obxectivo de cambiar libros por outros libros ou por roupa de segunda man en bo estado.
Dando a coñecer a biblioteca do centro
O equipo da Biblioteca organiza unhas xornadas con actividades para que o alumnado (na foto, de 2º ESO B) poda coñecer como funciona a Biblioteca do centro.
O 8 de marzo na biblioteca
Con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo) presentamos unha selección de libros da nosa biblioteca para reivindicar o papel da muller na sociedade.
As mulleres na arte
Co gallo da celebración do 8M, convén lembrar que a historia da arte está chea de mulleres artistas esquecidas, pouco valoradas e mal consideradas por desempeñar esta profesión nunha época onde a supremacía masculina era aplastante. Por todas elas e polo seumagnífico traballo vai esta exposición no IES ROU.
Nos arquivos adxuntos tedes uns estupendos catálogos creados pola Asociación A Roldana, un colectivo que loita pola inclusión das artistas no currículo educativo.
Conte avec moi
O luns 27 de febreiro, o alumnado de francés de 1º e 2º de ESO disfrutou e participou activamente nun obradoiro de contos africanos, animado polo profesor e narrador Samuel Montoumnjou. “Conte avec moi” é un proxecto educativo que xira en torno aos contos e a narración. A actividade, organizada polo Departamento de francés e a bliblioteca do centro, foi elaborada para reforzar a comunicación oral en lingua francesa e a súa aplicación práctica lévase a cabo a través de actividades de interacción e mediación. Os numerosos obxectivos deste proxecto son pedagóxicos, linguísticos,literarios, culturais, interculturais e lúdicos.
Celebración do Día do Libro
Este curso para celebrar o día do libro desde a Biblioteca promoveuse un mercado solidario. Durante unha semana, puidemos intercambiar os libros expostos na Ágora por comida perecedoira que doamos á Asociación de Cáritas de Teís, cuxo responsable nos enviou unha emotiva carta para agradecer esta iniciativa.
Ademais, o club de lectura quixo homenaxear a obra de Cervantes, para o que se pediu, a quen quixese participar, que seleccionase un refrán do Quixote. Incluíronse nun mural todos os refráns escollidos e expúxose na Ágora mentres durou o intercambio de libros.
Novo número de ROULANDO
Sabiamos que estabades esperando con ansia o novo número (o catro xa) da nosa revista ROULANDO. Pois aquí o tedes:
Que o gocedes!
Premios Concurso Literario IES ROU 2022
Este martes, 31 de maio, celebrouse o acto de entrega de premios do Concurso Literario IES ROU 2022, iniciativa do EDNL e Biblioteca. Entregou os galardóns o director. O xurado, formado por Eliseo Martínez, Mar Hospido e Palmira Calvar, decidiu por unanimidade outorgar os premios aos seguintes participantes:
- 1° Premio Narrativa (categoría I): MIGUEL VILA por "O home de negro".
- 2° Premio Narrativa (categoría I): LEO SANTIAGO por "Amor no ocaso do pensamento".
- 1° Premio de Poesía (categoría I): CALEB IGLESIAS por "Os escritos da alma".
- 1° Premio Narrativa (categoría II): ANTÍA FERNÁNDEZ por "A nena espida sobre a neve".
- 2° Premio Narrativa (categoría II): JUAN CARLOS BARROS por "Os misterios da Terra Media".
- 1° Premio de Poesía (categoría II): DANIEL REGUEIRO por "Antoloxía poética".
- 2° Premio de Poesía (categoría II): ANTÍA FERNÁNDEZ por "Os crueis e os namorados".
Parabéns a tod@s os galardoad@s e mais ao resto de participantes por tantísimo talento!
Quico Cadaval connosco
Co gallo do Día das Letras Galegas estivo no noso instituto Quico Cadaval, actor, director teatral, escritor e narrador. A súa actuación encandeou a todos os que tivemos a sorte de velo. Tamén departiu co alumnado, que agradeceu a súa espontaneidade e o seu trato afable. Podedes ver algúns momentos da súa actuación se facedes clis no seguinte enlace.
Velaquí algunhas fotos.
Marcapáxinas solidarios
O alumnado da ESO do noso centro participa un ano máis no certame de marcapáxinas solidarios promovido pola ONG SAVE THE CHILDREN. Enmarcado dentro das actividades organizadas polo equipo da Biblioteca para celebrar a semana do libro, o noso alumnado de Educación Plástica deseña e pon a venda (0.50 €) estes marcapáxinas. Todo o recadado será ingresado na conta da citada ONG.