Skip to Content

Comunicación ás familias. 2ª avaliación.

Estimados pais e nais:

Como lles foi comunicado, o día 27 de marzo a Consellería de Educación enviou a todos os centros de ensino unhas Instrucións ordenando a realización da avaliación do segundo trimestre e indicando que tiñamos que ter as notas do alumnado postas o 3 de abril.


Diante da grave situación sanitaria e social que estamos vivindo, cos centros de ensino pechados e o noso alumnado nunha situación de confinamento ao igual que a maioría da sociedade, entendemos que non se dan as condicións para poder proceder a unha avaliación normal. Sendo conscientes ademais de que nalgúns cursos nin foi posíbel realizar as probas necesarias, nin se impartiu a totalidade da materia programada, dado que a actividade lectiva presencial rematou de forma abrupta o 12 de marzo, e o traballo realizado de xeito telemático desde ese día como indica a Consellería non é avaliábel.


Por esta razón queremos comunicarlles que aínda que o profesorado do centro cumpriu coa instrución da Consellería de realizar a avaliación, as notas que reciben os seus fillos e fillas deben consideralas como o que realmente son, unhas cualificacións anómalas, nas que só se valora unha porcentaxe do contido e para as que en algúns casos non foi posíbel realizar nin todas as actividades nin todas as probas necesarias.


Pola nosa parte agardamos recibir as necesarias indicacións da Consellería de Educación  sobre o traballo a desenvolver na terceira avaliación e de que xeito deberemos desenvolvelo, para poder organizarnos o antes posíbel, e poñernos en comunicación de novo con vostedes con información na páxina web do centro ou por medio dos titores e titoras.


Sen máis reciban un cordial saúdo, desexando unha pronta volta á normalidade.

                                                                            Cambados; 3 de abril de 2020

                                                                                                  A Dirección

AdxuntoTamaño
COMUNICACIÓN FAMILIAS 2ª AVALIACIÓN DEFINITIVO 3.4.2020.pdf47.51 KB


story | by Dr. Radut