LETRAS GALEGAS 2014. ADICADO A XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO.

Este ano o 17 de maio adícase a D. Xosé María Díaz Castro. 

 

 

Penélope

 

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus sonos non se move. 

A espranza nos teus ollos se esperguiza. 

Aran os bois e chove. 

 

Un bruar de navíos moi lonxanos 

che estrolla o sono mól coma unha uva. 

Pro tí envólveste en sabas de mil anos, 

i en sonos volves a escoitar a chuva. 

 

Traguerán os camiños algún día 

a xente que levaron. Deus é o mesmo. 

Suco vai, suco vén, Xesús María!, 

e toda a cousa ha de pagar seu desmo. 

 

Desorballando os prados coma sono, 

o Tempo vai de Parga a Pastoriza. 

Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. 

Un paso adiante i outro atrás, Galiza! 

 

DÍAZ CASTRO, Xosé María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.

 

 

Biografía de Xosé María Díaz Castro

 

 

Xosé María Díaz Castro é o poeta ao que lle renden tributo as Letras Galegas 2014, no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.

 

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro do 1914 n’O Vilariño, lugar de San Vicente d’Os Vilares, Concello de Guitiriz, Lugo. Seus pais, Isidro Díaz e María Castro, labregos, tiveron catro fillos: Antonio, María, Xosé María e Serafín. Na escola da súa parroquia aprendeu as primeiras letras. Aos dezaseis anos estreouse cun poema en castelán na revista Lluvia de rosas de Tarragona, na que seguiría colaborando moi esporadicamente. En 1929 ingresa no Seminario de Mondoñedo, onde cursa tres anos de Latín e Humanidades, outros tres de Filosofía e dous de Teoloxía. É alí onde confirma a súa vocación de escritor, segundo el mesmo manifestou. 

 

"Lémbrome ben de que, na miña época de estadía en Mondoñedo, dirixín unha revista absolutamente manuscrita, feita por estudantes". O poeta falaba tamén de que compuxo, nesa época, dous cadernos: Follas verdes e Follas ao vento. En 1931 publicou, en El Progreso Vilalbés, o primeiro texto en galego, Lembranzas e sospiros. Posteriormente, en carta a Fernández del Riego (14 de maio de 1959) dirá que “casi todo se ha perdido”, en referencia á súa obra anterior.

 

En 1936 deixou o Seminario ao ser chamado para incorporarse ao exército. Logo dunha breve estadía na fronte de Asturias, é destinado ao Hospital Militar de Pontevedra. Rematada a Guerra Civil, 1939, volveu a Mondoñedo. Transcorridos uns meses abandonou definitivamente o Seminario e contactou co seu amigo Aquilino Iglesia Alvariño, que dirixía daquela o Colexio León XIII, en Vilagarcía de Arousa. Díaz Castro incorporouse a aquel centro escolar onde impartiu clases ata a súa marcha a Madrid.

 

Nos Xogos Florais de Betanzos, 1946, acadou a frol natural ao mellor poema en castelán coa composición El cántico de la ciudad, 112 versos, e o premio á mellor poesía en galego con Nascida d’un soño, tríptico de sonetos, publicados ambos e dous no Anuario Brigantino, en 1948 e 1951, respectivamente.

 

Cursa estudos de Filosofía e Letras e trasládase a Madrid, 1948. O seu dominio dunha boa parte das linguas europeas permítelle entrar a traballar como tradutor no Ministerio del Interior e, logo, no Instituto de Estudios Hispánicos. Nos anos sesenta, trasládase ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, encargándose do servizo de traducións do Instituto Científico y Técnico Juan de la Cierva, concretamente no Centro Experimental del Frío, onde acadará a súa xubilación.

 

Dende Madrid colaborou coa revista Alba, dirixida, en Vigo, por Ramón González Alegre. En 1955 aparecen, no tomo IV da Escolma de Fernández del Riego, poemas seus en galego que recollerá en Nimbos. En 1961, o 5 de xullo, sae do prelo da editorial Galaxia Nimbos, a súa obra cimeira. O libro foi saudado e loado por Ricardo Carballo Calero, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e outras voces autorizadas.

 

Díaz Castro retornou a Galicia en 1982, vivindo en Guitiriz co seu irmán Serafín e frecuentando a amizade de Alfonso Blanco Torrado, autor de Ascensión dun poeta (1955), ensaio merecente do IX Premio Ánxel Fole. Nesta etapa da súa vida, o poeta coñeceu e tratou algúns escritores galegos e colaborou con Dorna, publicando poemas e traducións en varios números da revista. Segundo el mesmo manifestou, en repetidas ocasións, a súa acollida por parte de Dorna, serviulle de “estímulo para retomar o hábito, para volver á poesía”. Por iniciativa dos seus amigos Luís González Tosar, coordinador daquela de Dorna, e Alfonso Blanco Torrado, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, en novembro de 1987, dedicoulle o volume Homenaxe a X. M. Díaz Castro. Cómpre destacar, así mesmo, que o d’Os Vilares foi importante tradutor, ao galego e ao castelán, de autores como Lamartine, Chesterton, Yeats, Whitman, Rilke... e que se ocupou tamén da crítica e do ensaio en revistas e xornais especializados como La Estafeta Literaria e Ínsula.

 

Finou en Lugo o 6 de outubro de 1990 e foi soterrado en Guitiriz. Deixou inéditos, en castelán, o poemario Sombras radiantes e unha longa composición, Melodía.

 

(Texto de Luís González Tosar)

  

A continuación amósase unha peza audiovisual,  gravada no ano 1987, que é unha viaxe pola vida e a obra de Xosé María Díaz Castro e que ten o valor engadido de facerse da man do propio poeta, co que visitamos os lugares onde transcorreron a súa infancia e mocidade e onde el mesmo nos recita os seus textos máis significativos. Nese percorrido vital e literario, Díaz Castro detense a sinalar as persoas e acontecementos que incidiron na súa escolla do galego como lingua de expresión poética. No documental tamén se fai referencia ao feito de que Díaz Castro chegase a dominar case todas as linguas de Europa, feito que pode poñerse en paralelo con esa escolla do idioma da súa infancia para a súa produción literaria máis significativa.

 

 

Twitter Poeta Díaz Castro: https://twitter.com/PoetaDiazCastro