O IES Politécnico 1º premio de podcasts OVDC 2024

O pasado venres 7/6/2024, nun acto celebrado no IES Rosalía de Castro de Compostela, un equipo do IES Politécnico recolleu  o 1º premio do VI Certame Internacional de Podcasts "O Vello dos Contos", organizado por Arraianos Producións e que conta tamén coa colaboración de entidades como a RAG, o Museo do Pobo Galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a Fundación Rosalía de Castro. Nesta edición, o traballo presentado a concurso, "Luísa Villalta, un ruído provocado", coordinado desde a emisora do noso centro para as Letras galegas 2024 e dirixido marabillosamente por alumnado de 1º BACH B + C, levou o 1º premio na categoría de secundaria neste concurso, que xa vai pola súa sexta edición.

Ademais, este premio supuxo unha importante difusión do proxecto da nosa radio, Onda Candeira, pois provocou; por exemplo, a chegada do noso podcast gañador á plataforma de Spotify, ou unha repercusión importante na prensa local e autonómica, e nas redes sociais dos organizadores do evento, como Aser Álvarez de Arrianos Producións ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Deixamos tamén por aquí a resolución do xurado no VI Certame Internacional de Podcasts "O Vello dos Contos", na que aparece o noso podcast co-gañador deste ano.

Vaian desde aquí, xa que logo, os nosos parabéns por este merecido recoñecemento para o alumnado de 1º BACH B + C  que dirixiu este podcast tan xeitoso!.

E que Vivan as nosas Letras! Viva Luísa Villalta! Viva O vello dos Contos!