Skip to Content

Tes dereito a unha atención en galego

atención en galego

 

É o lema dunha campaña informativa e de animación a exercer o dereito de, non só usar, senón de ser atendido/a na nosa lingua en calquera relación coa Administración ou empresa pública e que vén de ser lanzada pola Mesa pola Normalización.

O seu presidente, Carlos Callón, explicou na presentación da campaña que “é un dereito da cidadanía que a Administración ten obriga de garantir, porque o galego é a lingua propia de Galiza e debe ser oficial a todos os efectos” ao que engadiu que “calquera persoa debe ter garantido o dereito a poder desenvolver a súa vida en galego”.

Segundo afirmou Callón, “ademais da veciñanza, tamén son destinatarios os traballadores e traballadoras destas entidades que teñen que garantir este dereito da cidadanía".

Entre os consellos aos cidadáns que queiran facer as súas xestións en galego, destaca o de non perder en ningún momento o sorriso, en torno ao cal se centra o deseño gráfico da campaña.

“Se mesmo despois de o solicitarmos non podemos continuar coa xestión en galego, o mellor é non entrarmos en discusións de ningún tipo nin perder os nervos ou o tempo. Trátase simplemente dun dereito e de que hai que aplicar a Lei”, indican os folletos que van a comezar a distribuírse no Concello de Ames.

Como solución, explícase que “unha opción é solicitar que nos atenda outro traballador ou outra traballadora que si saiba galego. Se iso non for posíbel ou implica tempo de agarda ou algunha outra dificultade, podemos continuar coa xestión e, posteriormente, realizar unha queixa por escrito na Administración ou empresa correspondente”.

Ademais, neste caso pódese chamar á Liña do Galego no 902 10 64 74, un servizo de recepción de queixas sobre vulneración de dereitos lingüísticos que ofrece A Mesa, tamén dispoñíbel no correo elecrónico linhadogalego@amesanl.org.



page | by Dr. Radut