Skip to Content

Localización

A Pobra do Caramiñal

A vila da Pobra é a capital do concello e sitúase fronte á ría, ocupando practicamente o litoral dende San Lázaro ata a Praia dos Areos.

É o resultado da unión das antigas vilas do Caramiñal e Pobra do Deán, comprendendo as dúas parroquias de Santa María e Santiago.

Confina o termo:

ao Norte e Oeste, separado pola Serra da Barbanza, co Concello do Son,

ao Sur co de Ribeira, dividido por alturas e o arroio de Esteirón antes mencionado,

e ao Leste coa ría e o Concello de Boiro, correndo entrambos o regato Trabe, que morre na enseada do mesmo nome.

Dende o punto de vista topográfico, a vila ocupa a zona de menor pendente do concello, existindo deica os seus estremos, San Lázaro e Xobre, desniveis significativos.

O núcleo central, que se corresponde coa zona máis antiga da vila, caracterízase polos seus rueiros de reducidas dimensións, característicos de asentamentos mariñeiros, nos que o exiguo parcelario foi asimilando edificacións de maiores alturas, ata chegar a configurar o centro actual con edificacións de ata baixo e catro andares.

Existen, asemade, edificios dun gran valor arquitectónico que configuran, xunto co viario e prazas existentes, un conxunto de gran valor histórico.

Os equipamentos comunitarios e espazos libres existentes na vila sitúanse practicamente na súa totalidade na zona gañada ao mar hai xa moitos anos, e asegúranlles unha oferta importante de servicios aos habitantes da Pobra.

O concello da Pobra consta de catro parroquias que distribúen así a superficie do termo:

Xobre............................. 400 ha.

Lesón...........................1.440 ha.

Posmarcos.....................1.040 ha.

A Pobra............................. 440 ha.

TOTAL...........................3.320 ha.

 
vista general
 

Topografía

No terreo do termo municipal da Pobra, consideráronse dúas zonas ben diferenciadas:

- unha chá, que constitúe unha franxa dun longo de 2.000 metros paralela á costa,

- e outra montañosa (o resto do termo municipal) cara á Serra da Barbanza no límite co Concello do Porto do Son.

Dunha análise altimétrica, podemos agrupar os terreos en tres zonas:

- terreos paralelos á costa abranguidos entre as cotas 0 e 200 metros (parroquias do Xobre, A Pobra e parte das de Lesón e Posmarcos),

- zona de terreos comprendidos entre 200 e 400 metros de altitude, na faldra da Serra da Barbanza (Lesón e Posmarcos),

- e unha terceira zona, por riba da cota 400 metros sita ao Norte do Concello e que constitúe as cotas máis altas da Serra da Barbanza, con puntos de altitude considerable como a do Barbanza (650 metros), Os Forcados (618 metros), A Curota (498 metros) e outros.

 

Concas hidrográficas

O terreo, que é fértil e de boa calidade, está regado por varias correntes.

Sobresaen os ríos Pedras e Barbanza, o Lérez e os arroios Atalaia ou Mirandela, Rego, Calzada, Esteirón e o de San Roque, procedentes das vertentes da serra.

Estes ríos desembocan todos na ría de Arousa, excepto o Esteirón, que na súa práctica totalidade delimita a este concello co de Ribeira, desembocando na Praia do Esteiro.

 


page | by Dr. Radut