Skip to Content

HISTORIA DA ASOCIACIÓN CULTURAL OS MATOS

Dentro da vida académica do IES PERDOURO, a Asociación Cultural “Os Matos” desenvolve a súa actividade como complemento á oferta do centro. En febreiro de 2009 a Asociación cumpre 15 anos. Son tres lustros nos que compartimos e vivimos ilusións, esperanzas ... e fixemos realidade varios proxectos que, cremos,  repercutiron positivamente na comunidade educativa do Instituto, así como tamén en toda a bisbarra da Mariña. Creouse unha asociación e vímola dar os primeiros pasos, axudámola a medrar ... igual que a vida dun neno.
Facendo un pouco de memoria hai que dicir que a idea de fundar unha asociación no centro xurdiu dun grupo de profesores que vían a necesidade de realizar actividades culturais no Instituto de F.P. No preámbulo dos estatutos da A. C. pode lerse: “Esta Asociación nace co desexo de fomentar un clima cultural propicio para o desenvolvemento de actividades que completen as funcións académicas”.
A iniciativa contou co respaldo do Claustro de profesores, do Consello Escolar e da A.P.A., e o seu ámbito de actuación, ademais da propia vila de Burela, inclúe a Mariña de Lugo, con proxección ao resto da Comunidade Galega e a todo o Territorio Español.
Corría o ano 1993 cando se dan os primeiros pasos para constituír a Asociación. No mes de xaneiro de 1994 redáctanse os estatutos e envíanse ao Goberno Civil de Lugo para a súa aprobación. Pasan uns días e o 8 de febreiro o Goberno Civil resolve inscribir a Asociación Cultural “Os Matos” no Rexistro Provincial de Asociacións, na Sesión Primeira co número 1.409.
Seguidamente preséntanse os datos da A.C. na Axencia Tributaria do Ministerio de Economía e Facenda para solicitar o Número de Identificación Fiscal. O Ministerio envíanos a Tarxeta de Identificación Fiscal co código  G-27.177.203.
No mes de abril solicítase a inscrición da Asociación no Rexistro Oficial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Consellería remite a documentación acreditativa da inscrición no Censo de Asociacións e Entidades Culturais de Galicia o día 27 de setembro, quedando rexistrada a Asociación co código de identificación A-01-11/LU-213 libro 2 folio exp. 2611.
Os compoñentes da Asociación, profesores, alumnos e pais, van realizando diferentes actividades: Festa de San Xoán Bosco, II Semana Cultural (Exposición de pintura e escultura sobre os Dereitos Humanos; sesión de mimo; conferencia sobre Medio Ambiente; charla-coloquio sobre Primeiros Auxilios; talleres de fotografía, vídeo e tempo libre; marcha ciclista a Sargadelos; subida a pé ó Monte Castelo; xogos populares), Actividades na Natureza (marcha pola costa de Lugo para coñecer o noso entorno), asistencia a partidos de baloncesto de liga A.C.B. en Lugo, etc.
Unha preocupación inicial dos membros da Asociación foi a consecución de diverso material para o centro, cousa que se fixo a través de peticións a distintas entidades que doaron lotes de libros, folletos, pósters, vídeos, e diferentes materiais que pasaron a aumentar os fondos da Biblioteca do Instituto ou dalgún departamento concreto (por exemplo un telescopio).
No ano 1995 comeza a funcionar o Cine-Clube Os Matos. As proxeccións teñen lugar no Cine Mon (hoxe desaparecido) e contamos coa colaboración desinteresada de Vicente Sempere, traballador do Complexo Industrial de Alúmina-Aluminio, que é o encargado de presentar a película e moderar o coloquio posterior. A entrada é gratuíta e durante varios ano acudiu un considerable número de afeccionados ó cine, non só de Burela senón tamén de concellos limítrofes. Houbo proxeccións de temática variada, podéndose ver ao longo destes anos máis de 30 películas. Hai que dicir que nunha ocasión se cobrou unha entrada simbólica para colaborar coa Cruz Vermella nunha campaña benéfica.
Charlas, conferencias, exposicións, deportes, concursos, etc. saíron adiante fomentando un clima cultural que identifica a nosa Asociación. Pero o que resultou moi satisfactorio foi a edición de distintas publicacións realizadas por alumnos, profesores e colaboradores, destacando a REVISTA MARUXÍA con catorce números publicados desde o ano 1995. Esta revista é un medio de comunicación importante para a comunidade educativa, con participación activa de todos, chegando, incluso, a recibir un premio a nivel galego.
Outras publicacións importantes son os traballos de investigación sobre temas variados relativos á Mariña de Lugo e a Galicia, que quedaron impresos en folletos que tiveron unha moi boa acollida na sociedade. Ata o de agora os folletos publicados son os seguintes:     
* O Románico no Norte da Provincia de Lugo

 

Mención á parte merece a edición do libro: “IES PERDOURO, 20 anos de vida”, onde se describe a historia do noso instituto.

Un feito importante dentro da Asociación foi a organización do Encontro Multilateral Europeo que congregou en Burela a 58 mozos e mozas de Alemaña, Bélxica, Italia e España, e preto de 20 monitores, que durante unha semana tiveron a oportunidade de convivir, compartir experiencias, coñecer distintos aspectos dos respectivos países e concienciarse do concepto dunha Europa unida, pero con difencias culturais que debemos coñecer e respectar. Esta actividade fíxose realidade grazas á axuda económica do Instituto Nacional da Xuventude que financiou o proxecto.
A asociación foi medrando paseniñamente e quere seguir adiante no seu empeño de ser un medio eficaz na formación cultural e humana da nosa mocidade.

 



page | by Dr. Radut