(27 E 28 DE ABRIL DE 2016)
Como xa é tradicional, en abril os alumnos/as de 4º ESO visitamos Pegullal, Avalle e Picoña, os nosos pazos: espazos privados abertos polos seus propietarios para nós; deferencia que agradecemos.
Móvenos o desexo de coñecer ben os elementos patrimoniais do noso entorno, de familiarizarnos coa arquitectura pacega (complexos que conxugan ben a construción residencial con áreas de lecer, edificacións funcionais e aspectos simbólicos de relevancia) e imaxinar o modo de vida fidalgo nos séculos de apoxeo, así como percibir o significado da súa decadencia e as diversas estratexias e situacións actuais de conservación ou recuperación dos edificios; ao mesmo tempo é ocasión inmellorable para introducirnos na heráldica.
A visita foi unha situación, un intre, de aprendizaxe (recollemos datos, anotamos detalles, inscricións...), pero tamén de convivencia, axudados polo bo tempo primaveral.
Sen embargo, faltábanos a presenza querida do profesor Manuel Prego Español, experto guía que nos acompañou en tantas ocasións, ilustre e apaixonado defensor e divulgador das nosas antigüidades; amigo xeneroso.
“Todo se ha dormido.
Se ha dormido todo. La ventana. Y la nieve en la ventana (...)”
(Joseph Brodsky)