Tamén len... en novembro con Miriam

Este venres 21 no Tamén Len, contamos coa presenza dunha antiga alumna: Miriam Fernández Moreira, que foi presentada por dúas alumnas de 3º, Alba e Josefina, que o curso pasado coincidiron con ela na excursión á neve, onde os acompañou como persoa de apoio; xa que ela fixo a carreira de Educación Física, quere ser profesora e, como non, é unha gran amante dos deportes. A experiencia de traballar con xóvenes gustoulle moito e sentiuse moi ben entre eles/as. Do cal damos fe, pois é evidente que ten madeira de ensinante, demostrou ser unha boa comunicadora, ademais de disfrutar entre nós compartindo esta actividade de lectura.
Primeiro leu en inglés -e que ben soaba!- un fragmento do libro máis lido, máis traducido e máis vendido do mundo, do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry (1900-1944) "The Little Prince" , publicado en inglés en 1943 por unha editorial estadounidense, namentres que en Francia non se puido editar ata 1946 por mor da II Guerra Mundial. 
Hai que dicir que o seu autor foi aviador e  tivo numerosas experiencias accidentadas no deserto do Sahara; e alí é a onde nos levou Miriam coa elección da segunda lectura: "Hijas de la arena. Cartas desde los campamentos saharauis", escrita por Ana Tortajada en 2002, quen estivo en Tinduf, no deserto alxeriano, onde están os acampamentos de saharauis e decidiu relatar a vida deste pobo e da súa maneira de enfrontarse á precariedade, denunciando a actitude da comunidade internacional ante un conflito que leva anos en espera de resolución.

Tamén len... en novembro con Miriam

Powered by Drupal - Design by artinet