Un ano máis o IES Pedras Rubias, xunto aos dous institutos de Tui (Indalecio Pérez Tizón e San Paio), e este ano tamén o IES Ribeira do Louro de Torneiros, implicouse nos actos de conmemoración dos Mártires de Sobredo, con motivo do aniversario das mortes de Cándida Rodríguez, Xaquín Estévez e Venancio González por disparos da forza pública, o 28 de novembro no lugar de Sobredo (Guillarei), no contexto da loita antiforal no ano 1922.
Dende o curso 2012-2013 este acto conmemorativo ten o valor engadido de estar en conexión co ”Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo”, creado en 2012 polos Concellos da contorna. Tras o acordo unánime do Claustro no mes de marzo de 2013, constamos como colaboradores desta actividade que levamos realizando desde hai anos.
Como xa tiña sucedido noutras edicións, por mor do mal tempo, a actividade tivo que ser adiada e, finalmente, puido levarse a cabo o 19 de decembro.
O alumnado de 4º da ESO dos catro institutos realizaron unha andaina conxunta desde Tui. Acompañounos D. José Martínez Tato, concelleiro de Tui e presidente de Andatui, que lles serviu de guía e foilles explicando durante o percorrido os principais acontecementos e lugares da loita antiforal.
Chegados ao monumento de Sobredo, levouse a cabo a tradicional homenaxe aos asasinados, coa lectura duns textos de carácter poético, histórico e artigos de prensa da época.
Interpretáronse varias pezas musicais con instrumentos tradicionais e de banda a cargo do alumnado do IES Pedras Rubias.
Levouse a cabo a ofrenda floral ante o monumento de Camilo Nogueira, inaugurado en 1932, dinamitado en 1936 e recuperado en 1988.
Rematouse cantando todos xuntos o himno galego.
Finalizada a homenaxe, houbo un tempo de lecer e de convivencia entre os catro institutos, coa xa tradicional degustación de rosca.