A pesar de que rematasen as vacacións, da calor, das obras, de comezar en luns… no IES Pedras Rubias dámoslle a benvida ao novo curso da mellor das maneiras posible, posto que a alumna Martina González Rodríguezde 2º ESO A acaba de resultar gañadora do 1º premio na categoría de Ensino Secundario no VI Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, baixo o título“No Carballiño as mulleres si saben dan malleiras”.
Esta fotografía foi tirada en Santa María de Arcos, en O Carballiño (Ourense) no ano 1940.
Nela aparecen as polbeiras de Arcos mazando polbos para máis tarde secalos e así poder conservalos ata o día da feira.
A que está de xeonllos collendo dunha ola un polbo é a miña bisavoa Sira.
Con esta tradición tan típica de O Carballiño continuou logo o seu fillo, o meu avó paterno, e na actualidade, o meu pai.
Está claro que, se por tradición é, a min non me vai tocar outra que ser polbeira!
Aínda descoñecemos a data na que se fará a entrega de premios, pero si sabemos que a nosa gañadora e a súa familia recibirán un ordenador portátil. Parabéns!!
Tamén queremos agradecer as achegas do resto do alumnado participante: Mariña Alonso Rodríguez, Elena Barreiro Besada, Brais Fernández Castiñeira, Hannah Framiñán Videira, Miguel Soengas Fernández e Yasmín Suárez Besada. Toda a comunidade do IES Pedras Rubias séntese moi orgullosa de vós.
Agardamos que sigades a recoller fotografías antigas das vosas familias para poder contar con vós na seguinte edición!