Dá gusto comezar un novo curso e recibir novas coma esta:
A alumna Amaia Troncoso Monteiro de 2º de ESO B resultou gañadora do 1º premio na categoría de Ensino Secundario no 5º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, baixo o título “Rancho de Reis”.
Esta é unha fotografía do rancho de reis de finais dos anos 50.
Representa unha tradición única en Galicia, típica do val do Caselas, o rancho de reis.
Antigamente, facíase nas parroquias de Salceda de Caselas e nalgunhas de Salvaterra (as que baña o río Caselas). Na actualidade, só se conserva no barrio da Feira de Salceda.
Na foto podemos ver as figuras típicas que representan o rancho de reis: os dous danzantes, cos seus característicos gorros de plumas e os seus panos cruzados e nas mans as carrañolas, que son as que marcan o ritmo; no centro da imaxe vemos a dama, a cal está toda engalanada con colares de ouro, na que se aprecia un pano na man e un bonito gorro de flores; detrás dela están as custodias, as dúas mulleres encargadas de preparar a dama e de custodiar o ouro desta.
A danza consiste no enfrontamento de dous danzantes que, repetindo os mesmos puntos, intentan conquistar a dama; esta, co seu pano, elixe a un danzante para bailar unha ribeirana ou muiñeira.
Na imaxe, o danzante da dereita é o meu avó, Antonio Troncoso.
Miña irmá mais eu seguimos a tradición familiar do noso avó e do noso pai. Dende hai meses formamos parte, como danzantes, desta singular e única danza que enriquece o patrimonio cultural de Salceda de Caselas, a cal desaparecera e, dende hai uns anos, estamos recuperando para que esta danza non se perda.
A entrega de premios será o 16 de novembro que coincide co Día Internacional do Patrimonio. A nosa gañadora e a súa familia recibirán un ordenador portátil.
Aproveitamos para felicitar o CEP Altamira que tamén resultou premiado por partida dobre na categoría de Ensino Primario: 2º premio para o título “Mulleres no lavadoiro do edificio da praza de abastos de Ourense” e accésit para o título “A Torre Eiffel e a emigración” de Elisa de Almeida Mouteira.
Tamén queremos agradecer as achegas das outras alumnas participantes do IES Pedras Rubias:
Uxía Barbosa Alonso
Iria Cruz González
Xana Gil Oya
Lucía Fernández Gándara
Parabéns, Amaia e familia!
Toda a comunidade do IES Pedras Rubias séntese moi orgullosa de vós.
Agardamos que sigades a recoller máis premios por ese labor que estades a desenvolver!