O pasado 30 de novembro recuperouse unha tradición tristemente alterada pola pandemia e o alumnado de 4ºESO do instituto, xunto coas súas compañeiras/os dos IES da veciña localidade de Tui - Indalecio Pérez Tizón e San Paio -, protagonizou unha homenaxe aos coñecidos Mártires de Sobredo, vítimas da loita antiforal, no 99º aniversario do seu asasinato a mans da Garda Civil, no marco da protesta contra o pagamento dos foros.
A través da lectura de poemas e textos da época, as comunidades educativas destes institutos quixeron lembrar este triste e sanguento episodio, piar fundamental na Historia de Galicia no século XX.
"[...] nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!
¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!"
Ramón Cabanillas, Sobredo (1926).