As lecturas propostas inclúen os catro cursos de ESO. Estas listaxes iranse ampliando nas seguintes avaliacións.
2019/20
Magosto Terrorífico
Este curso a climatoloxía non nos deu tregua e, en consecuencia, non nos permitiu celebrar, tal como tiñamos organizado, o noso xa tradicional magosto terrorífico, fusión das dúas festas próximas no tempo: o magosto e o samaín.
Inicialmente, estaba previsto que o martes 5 de novembro todo o IES Pedras Rubias saíse en procesión disfrazado de Santa Compaña e se desprazase ata o Espicho do Faro. Como o prognóstico metereolóxico era adverso, adiouse para o martes 12 de novembro. Chegada esta data, houbo que suspender a saída polo mesmo motivo e só se asaron e comeron as castañas no propio centro. Menos mal, que nos acompañaba a calor do equipo de Onda Raia coas súas preguntas sobre o magosto.
A semana anterior, nas aulas de Lingua Galega e Titoría, traballáronse aspectos como o magosto tradicional, a santa compaña, o texto instrutivo...
Tamén se decorou o vestíbulo do centro con motivos de medo (ataúde con esqueleto, pantasmas, arañas, morcegos...) e realizouse unha exposición de calacús e de receitas escritas elaboradas con produtos de outono.
Dada a boa acollida que tivera o curso pasado o concurso de sobremesas cos devanditos produtos de outono, este curso volveuse ofertar.
Premiouse a aula que mellor organizou a actividade de forma global (calacús, receitas escritas e receitas elaboradas). A gañadora foi 1º A, da titoría da profe Loli Calvo.
Noraboa!
Enquisa sobre o uso do galego
Coa finalidade de analizar o contexto sociolingüístico do noso instituto, pedímosche que cubras unha enquisa para determinar cal é a lingua máis falada entre o noso alumnado.
Preme en enquisa e contesta as preguntas que se formulan.
Grazas de antemán polas túas respostas.
O IES PEDRAS RUBIAS RECIBE O SELO DE CALIDADE EUROPEO
ES Pedras Rubias vén de ser galardoado co Selo de Calidade Europeo polo excelente traballo realizado o pasado curso no proxecto "En paradoiro descoñecido : Movemento Xuvenil para a Recuperación da nosa Memoria Histórica".
Tratouse dun proxecto internacional e colaborativo de 20 institutos de educación secundaria (4 en Francia e 16 en España) a través de eTwinning, programa da Unión Europea.
O obxectivo fundamental foi o de sensibilizar e implicar ao alumnado na herdanza cultural para desenvolver un pensamento libre, e rescatar da memoria colectiva os milleiros de persoas desaparecidas durante o Franquismo, hoxe en paradoiro descoñecido. Fundamentalmente, levouse a cabo en 4º de ESO, pero algunhas das actividades foron xerais para todo o centro.
Abordouse desde catro áreas diferentes: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, e Educación Plástica e Visual.
Desenvolveuse en tres fases diferentes. Na fase de sensibilización, o alumnado asistiu a exposicións, conferencias, presentación dun libro e testemuños directos; na segunda fase, foi o propio alumnado o que, centrado no seu entorno directo, buscou testemuños directos en relación coa guerra, consecuencias e vítimas; e na última fase, o alumnado produciu traballos en diferentes formatos: réplica dun cadro de Castelao, recital de poemas, producións literarias mensuais, representacións teatrais e homenaxes ás vítimas nos lugares da memoria do entorno, concretamente en Salceda de Caselas, Tui e a illa de San Simón en Redondela.
Ademais dos encontros online, reunímonos presencialmente en dúas ocasións co outro centro colaborador galego, o IES de Ames, a primeira no seu instituto e a segunda na illa de San Simón.
Noraboa a toda a comunidade educativa do IES Pedras Rubias, en especial ao alumnado que o pasado ano cursou 4º de ESO.
CONCURSO RELATO CURTO
Un curso máis, o departamento de Lingua Galega e Literatura decidiu darlle continuidade ao concurso de relato curto.
Na presente edición os relatos do mes de outubro debían comezar polo seguinte texto: "A casa está baleira. Vai ser alugada ou mercada ou esborrallada. A filla sente unha dor no fondo do corazón e hai bágoas nos seus ollos”, texto co que finaliza a obra Xente na barreira de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020.
Se desexas consultar as bases completas, preme no arquivo adxunto de cartel.
E se queres ler os relatos gañadores do mes de outubro, podes facelo premendo no curso:
Noraboa e a seguir participando!
CAMIÑO DE SANTIAGO
O 29 e 30 de outubro, como vén sendo costume, o alumnado de 3º da ESO realizou dúas etapas do camiño de Santiago.
O primeiro día partiuse desde Arzúa para chegar a Arca do Pino, onde se fixo noite no albergue A Edreira.
Ao día seguinte houbo que madrugar para iniciar a etapa final e poder chegar a Santiago de Compostela.
Nesta ocasión o tempo non acompañou e durante a segunda xornada choveu case sempre, o que provocou que a moitos/as alumnos/as se lles fixese bastante difícil.
Pero ao final todos/as deron chegado e, logo de xantar nas antigas cabaleirizas de San Martiño Pinario, fixeron a visita guiada pola catedral e puideron visualizar o Pórtico da Gloria, recentemente restaurado, o que lles serviu de recompensa.
DÍA DAS BIBLIOTECAS
Para conmemorar o día das Bibliotecas, o xoves 24 de outubro durante o recreo na biblioteca léronse varios poemas (Ferrol 1916, Reticencias, Se Avalon ou a illa das mazás, Verdadeiro poeta foi e María Silencio) e dous fragmentos (“Francisco” e “Aurelia”) da obra en prosa Scórpio de Ricardo Carballo Calero, autor ao que se lle han dedicar as Letras Galegas 2020.
As lecturas realizáronas de forma voluntaria os seguintes alumnos/as:
1ºA: David Lemos e Jennyfer Rueda.
1ºC: María Bernárdez, Guillermo Álvarez, Ana Crespo, Ainhoa Sousa e Marc del Río.
1ºD: Izan Martínez, Antón Lemos, Pablo González, Raúl Fernández e Ylenia Acuña
2ºD: Nerea Guzmán e Rubén Álvarez
3ºA: Sara Usera e Iván Fernández
3ºC: Aldara Rocha e Hugo Puga
4ºA: Sara Castro e Rocío González
4ºB: Jénnifer Pousada e Leimy T. Duarte
Moitas grazas pola vosa participación e facer posible este fermoso acto!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- seguinte ›
- última »