Skip to Content

Curso 2021/2022

O Club de Ciencia do IES de Pastoriza participou na XXVI edición do Día da Ciencia na Rúa

O alumnado do Club de Ciencia do IES de Pastoriza participou, este sábado 7 de maio no Parque de Santa Margarida da Coruña, na XXVI edición do Día da Ciencia na Rúa

A nosa proposta integraba a profesores de 6 departamentos didácticos e a 30 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO. Por un lado, afondamos no estudo de materiais intelixentes, que son aqueles que posúen propiedades que poden ser modificadas de maneira controlada mediante estímulos externos. Por outra banda, presentamos unha casa na que a iluminación, o consumo de enerxía e a seguridade estaban xestionadas mediante domótica.

O obxectivo do día, que era mostrar todo o traballo feito nestos meses, foi acadado de forma sobresaínte polo alumnado, cunha participación entusiasta por parte do profesorado, da rapazada e do público visitante.

Desexando que chegue pronto o ano que ven e poder participar na XXVII edición do Día da Ciencia na Rúa!!!

Achegamos enlace ao album de fotos deste día.

Todos e todas ao Parque de Santa Margarida o sábado 7 de Maio

Como moitos de vós xa saberedes, o club de ciencia do IES de Pastoriza realiza, dende hai catro anos, actividades variadas e motivadoras para os alumnos e alumnas participantes.

Neste senso, o próximo sábado 7 de maio, os nosos científicos e científicas mostrarán ao público no Día da Ciencia na Rúa no Parque de Santa Margarida da Coruña, todos os experimentos que levan preparando durante semanas.

horario de apertura ao público é de 11:00 a 14:30h e de 15:30 a 19:00h. Así que non fagades plans e vide a apoiar á ciencia que se fai en Pastoriza por rapaces e rapazas do noso instituto.

Esperámosvos con moita ilusión, e algo de nervios, na "jaima" número 40. Non faltedes!!!

 

Solicitude extraordinaria de admisión para Bacharelato 2022-23

Segundo as instrucións recibidas respecto do anuncio da implantación de estudos de Bacharelato para o curso 2022-23:

  • As modalidades autorizadas son as de Ciencias-Tecnoloxía e Humanidades-Ciencias Sociais. Limitada a oferta a 33 prazas para 1º Bacharelato en cada unha das dúas modalidades. No caso de recibir mais solicitudes que prazas ofertadas terá prioridade o alumnado escolarizado actualmente no propio centro, aplicando para o resto os criterios xerais de admisión.
  • O prazo extraordinario para a solicitude de admisión en calquera das dúas modalidades será dende o luns 25 abril ata o mércores 4 de maio.
  • A solicitude terá que ser presentada PRESENCIALMENTE na secretaría do centro educativo, xunto coa renuncia a calquera outra solicitude de reserva ou admisión realizada previamente.
  • Este prazo extraordinario para a reserva de praza é unicamente para alumnado escolarizado en 4ºESO no curso 2021-22 que teña intención de continuar estudos de Bacharelato no curso 2022-23.

 

21 de marzo. Día Mundial da Poesía.

O pasado 21 de marzo conmemoramos o Día Mundial da Poesía e para iso, o noso alumnado confeccionou diferentes Knollings literarios a partir dos seus poemas galegos preferidos que expuxeron posteriormente no Taboleiro da Lingua.

A verdade é que temos uns auténticos artistas!

Podes ver as imaxes cos traballos do noso alumnado premendo nesta ligazón.

Actividade de iniciación ao esquí ANDORRA 2022

Nestes días un grupo de alumnos de 4º de ESO do IES de Pastoriza esta realizando a Actividade de Iniciación o Esquí na estación de  esquí de PAL-ARINSAL. No seguinte enlace tedes un álbum de fotos da actividade.

ALBUM de FOTOS

 

23 de febreiro. Día de Rosalía de Castro.

No IES de Pastoriza conmemoramos o nacemento desta insigne escritora das nosas letras con flores e poemas da autora que expuxeron os nosos alumnos e alumnas nas súas respectivas aulas e no Taboleiro da Lingua.

Preme nesta ligazón para ver as imaxes.

Para rematar, reproducimos aquí unhas palabras de Rosalía: «Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino».

#NoMoreMatildas. 11/2/22 Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

O alumnado do Club de Ciencia do IES de Pastoriza, ven de realizar un mural para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A nosa composición trata de facer un pequeno homenaxe a todas aquelas mulleres científicas que ao longo da historia non tiveron o recoñecemento que deberan, simplemente, por ser mulleres e non homes. Estas mulleres coñécense coloquialmente como Matildas.

Achegamos enlace ao álbum de fotos do mural.

I Concurso de Cantigas de Entroido dos Trobadores de Pastoriza.

Achéganse unhas datas significativas no almanaque galego e que mellor xeito de conmemoralas que propoñer ao noso alumnado un concurso no que deberán mostrar o seu enxeño á hora de compoñer cantigas en galego coma se fosen trobadores da época medieval e nas que poderán abordar temas actuais e personaxes do século XXI, sempre dende o respecto.

O prazo estará aberto até o luns, 21 de febreiro.

Para máis información, consulta as bases no documento adxunto.

Concurso de cartas de amor.

Di un refrán popular galego que «a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa». Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Equipo da Biblioteca e o Departamento de Galego queremos conmemorar esta festividade e o Día dos Namorados cun Concurso de cartas de amor destinado aos membros da comunidade educativa. Podes consultar as bases do mesmo no documento adxunto.

Anímate e participa!

I Edición do Concurso de TikTok Cienziamos en Casa

O alumnado do Club de Ciencia do IES de Pastoriza, ven de participar na I Edición do Concurso de TikTok Cienziamos en Casa. Para iso, os rapaces e rapazas tiveron que gravarse facendo un experimento científico caseiro, de elección libre, e subilo a rede social TikTok. Dentro de cada video, era imprescindible dar unha explicación científica rigorosa ao que estaba a acontecer, facendo uso de todo o que aprenden nas clases.

Os dous videos gañadores destacaron pola súa orixinalidade, a calidade da montaxe de video e son e a alta capacidade divulgativa.

O primeiro premio foi para Paula P. de 3º da ESO C, coa súa reacción de peróxido de hidróxeno con lévedo e xabón.

O segundo premio foi para Lydia S. de 4º da ESO A, co seu papel que non se pode queimar.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut