IES Ramón Otero Pedrayo - A Coruña |
|
NavegaciónIniciar sesión |
Actualización normativa sobre o uso de teléfonos móbiles e novo protocolo de actuación contra o acoso e o ciberacoso
Enviado por flf o Mar, 09/01/2024 - 18:33
Nas primeiras semanas de xaneiro do 2024 a Consellaría de Educación actualizou a normativa sobre o uso de teléfonos móbiles nos centros educativos e o protocolo educativo para a prevención, a detección e o tratamento do acoso e do ciberacoso escolar. Así mesmo, publicouse a orde que regula a avaliación de diagnóstico en 2º ESO. O primeiro dos documentos recomenda a prohibición do uso de teléfonos móbiles por parte do alumnado durante toda a xornada escolar. Enténdese por xornada escolar os períodos lectivos (as clases) e os períodos non lectivos, é dicir, as entradas e saídas, o tempo de recreo, de comedor escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares. En suma, para o noso centro esta actualización normativa supón escasa novidade, posto que o artigo 127 das Normas de Organización e Funcionamento do centro xa determinaba que "durante a xornada escolar, o alumnado deberá manter inactivos e debidamente gardados os teléfonos móbiles e calquera outro dispositivo en toda o recinto e dependencias do centro". O segundo dos documentos supón a modificación do protocolo de actuación contra o acoso e o ciberacoso vixente desde o ano 2018. Entre outras novidades, recolle a creación nos centros educativos dun equipo ACAE, é dicir, de actuación contra o acoso escolar. Ese equipo estará composto por un mínimo de tres profesoras/es do centro: a persoa que ostente a Xefatura do Departamento de Orientación, o/a Coordinador/a de Bienestar e outro/a profesor/a a designar pola Dirección do centro para o estudo de cada caso concreto de presunto acoso. Será o equipo ACAE, en coordinación coa Dirección do centro, quen decida se existen suficientes indicios de acoso como para abrir un protocolo. Así mesmo, determínase a creación dun "Punto Laranxa" onde calquera membro da comunidade educativa poderá sinalar presuntos casos de acoso. Os Puntos Laranxa deberán ser tanto físicos como virtuais. En canto ás avaliacións de diagnóstico, a LOMLOE estabelece que se realizarán en 4º de Primaria e 2º da ESO. Participará nelas todo o alumnado do nivel. A proba, que carece de efectos académicos e só ten valor informativo, non ten aínda unha data fixada. Nos anexos están dispoñibles os catro documentos citados (artigo 127 das NOF, orde sobre o uso de teléfonos móbiles, protocolo de actuación contra o acoso e orde que regula as avaliacións de diagnóstico).
|
Eventos
|