Skip to Content

VISITA DE VERO BOQUETE

Hoxe veu visitarnos a gran futbolista Vero Boquete!!

Impartiu unha pequena charla para o alumnado de 3º e 4º da ESO na que falou da súa traxectoria profesional como muller futbolista. Logo contestou as máis variopintas preguntas do alumnado e do profesorado para, finalmente, conceder unha pequena entrevista ao grupo de correspondentes xuvenís do noso instituto.

Os seus comezos foron no club de Belvís, onde era a única nena. Malia non perder ningún adestramento e acudir a todos os partidos, o primeiro ano non puido xogar porque a lexislación futbolística impedía que as nenas xogasen cos nenos. Seu pai e o seu adestrador loitaron por mudar as cousas e ao ano seguinte xa puido comezar a regatear os seus contrincantes e marcar os primeiros goles. Até aos 15 anos xogou en equipos e contra equipos nos que ela era a única muller. Escoitou comentarios machistas desde as bancadas (moitos deles tristemente proferidos polas nais dos xogadores) pero lonxe de desistir, perseguiu o seu soño de ser futbolista profesional. Ese soño levouna a distitntos clubs do Estado español primeiro,e a percorrer despois sete países diferentes tanto de Europa como de Asia e América. Neles aprendeu moito a nivel persoal e profesional, pero sobre todo deuse de conta de que a igualdade no fútbol non é unha utopía, senón cuestión de vontade. Hoxe en día, cando non adestra, dedica boa parte do seu tempo libre a loitar pola igualdade na súa profesión e por transmitir os valores do deporte: o esforzo, a disciplina, a responsabilidade, o compromiso, a aprendizaxe que achegan as derrotas...

Na súa infancia non tivo referentes futbolísticos feminos; hoxe ela é unha muller referente nun ámbito deportivo extremadamente masculino e masculinizado.

Moitas grazas por compartir con nós a túa experiencia e por demostrar que, con constancia, se poden romper os teitos de cristal sen perder a humildade.

Enlace á TVG da reportaxe de Vero Boquete no IES Ordes

Entrevista polo equipo xornalístico do IES Ordes

 



page | by Dr. Radut