Castro da Torre, Serra do Courel (Lugo) por José Ponte
CASTRO DA TORRE, SERRA DO COUREL (LUGO). 25 de decembro de 2017
En primeiro plano, a 761 m de altitude, o castro da Torre, habitado nos s. III e IV d. C. Dende el apréciase a paisaxe da serra do Courel, modelada polas dúas oroxéneses principais (herciniana e alpina) e polos glaciares do cuaternario. O rochedo está formado por materiais duros paleozoicos (lousa, cuarcita…). E con laxes de lousa construíuse o castro, situado na cima dun saínte para controlar o territorio.
O río Lor discorre moi encaixado entre os altos montes.
O Courel é unha zona con clima oceánico e influenza mediterránea. Posúe unha rica vexetación que se escalona en altitude, dende os profundos vales de espesos bosques ata as elevadas cumes, con contrastes entre as zonas de Solleiro e Avesedo.