Hoxe no IES Nº1 vivimos unha xornada especial, ao sermos visitados por un grupo de maiores dunha residencia de Cuntis, que se achegaron ao noso centro para ollar a exposición sobre García Barros.
Ao chegaren, foron recibidos polo Equipo directivo, polo comisario da exposición, o profesor Carlos Loureiro, e por un grupo de alumnos e alumnas de 2º de ESO. Estes, coa inestimable axuda do profesor, fóronlles explicando os contidos de cada un dos paneis. Agardamos que servise para acadar un maior coñecemento do escritor Manuel García Barros, un home honesto coas súas ideas (mesmo en tempos ben difíciles) que sempre loitou por mellorar a vida dos seus veciños.
Ao rematar, levaron un lote de libros para a Biblioteca da residencia e un folleto explicativo da exposición, elaborado polo Equipo de Dinamización e da Biblioteca do noso IES, así que poderán seguir profundizando na vida e obra deste insigne autor estradense.
O IES Nº1 agradece a súa visita, e agardamos que a experiencia resultase enriquecedora para todos eles. Para nós si o foi, sen dúbida. Neste enlace, poderán ler a noticia no xornal: Manuel García Barros encandila aos usuarios da residencia de Cuntis no IES Número 1.