Skip to Content

LATRICADAS 29. CURSO 2023/2024

INDO Ó CINE EN GALEGO: "AS NEVES"

O alumnado de 1º BAC, FP Básica e 3º PDC asistiu a unha sesión de cine en galego o luns 17 de xuño. Vimos a película "As neves" baixo a dirección de Sonia Méndez. Neste filme predominan paisaxes de montaña da zona da Fonsagrada.  O argumento xira arredor dunha investigación policial tras o acontecido nunha festa da mocidade, durante o entroido. "As Neves" foi recoñecida coa Biznaga de Ouro no Festival de Málaga.

PERCORRENDO O CAMIÑO FRANCÉS

O 18 de xuño, o alumnado de francés do IES Muralla Romana e o alumnado francés da escola Notre Dame d'Elbeuf de Normandía (Francia), quedou para facer un tramo do camiño francés, partindo de Sarria.

Malia as condicións meteorolóxicas, os rapaces percorreron a parte máis bonita do camiño con bo ritmo e moi bo ánimo. Finalmente, chegaron a Portomarín onde  visitaron a vila e recuperaron forzas.  Os rapaces franceses quedaron abraiados pola paisaxe e historia da vila, xa que lembra o que pasou na Bretaña francesa (na cidade de Guerlédan). Retomaremos o camiño para o vindeiro curso.

GALA "ENREDANDO CO GALEGO"

O mércores 12 de xuño desfrutamos da gala final da iniciativa "Enredando co galego”. En primeiro lugar, Grande Amore animou o público asistente. A segunda parte da gala consistiu nun sorteo de 2 lotes de libros e unha tableta por instituto. No noso caso, foron afortunados/as Yago de 2ºA, Narges de 3ºB e Sofía de 2ºB.

Por último,o xurado destacou a variedade de traballos presentados: relato breve, podcast, conto, poemas, vídeos, composicións plásticas...que se publicaron nas redes sociais co cancelo #enredandocogalego ou na páxina web da AELG. O terceiro premio foi para Celia Rodríguez de 1º BAC, o segundo para Sara Pico de 1º BAC e o gañador foi Eric de 2º ESO B polo relato "Ola, son Pedro". Ademais, o xurado destacou os textos de Martín Vila "Cantiga de amigo", os poemas de Yasmin  e o podcast recomendando unha lectura de Violeta, tres estudantes de 4ºESO.

Parabéns polo voso compromiso e pola vosa creatividade!

2º POSTO CONCURSO NACIONAL PROGRAMA-ME

Os alumnos Marcos Montaña, Adrián Valdés e Aaron Yáñez, do ciclo superior en Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma acadaron un magnífico segundo posto no concurso de programación competitiva Programa-me (https://programame.com/) celebrado en Madrid o pasado 7 de xuño.

Participaron un total de 188 equipos de 79 centros distintos de toda España polo que o segundo posto é moi meritorio. Tamén foron o primeiro equipo en resolver un problema na fase final.

Na entrega de premios e diplomas, Marcos Montaña tamén recibiu o premio e o recoñecemento de todos os asistentes por ser o gañador do concurso nacional “Las 12 uvas” celebrado o pasado 31 de decembro na categoría de alumnos de segundo curso de ciclos formativos.

GAME JAM MURALLA 24

RESUMO DA XORNADA DE ORIENTACIÓN PROFESIONAL NO IES MURALLA ROMANA

Cartel das XornadasO pasado 15 de maio, celebrouse por primeira vez no IES Muralla Romana,unha Xornada de Orientación Profesional co lema “Embárcate na FP. Diríxete ao teu soño".

Esta xornada tiña entre os seus obxectivos:

■ Poñer en valor o traballo realizado durante o curso polo alumnado dos ciclos formativos das tres familias profesionais compartindo o seu coñecemento e saber facer co alumnado doutros niveis formativos (ESO e 1ªBacharelato).
■ Fomentar a interacción dos distintos niveveis formativos do centro, favorecendo que o alumnado de secundaria coñeza a formación postobrigatoria do IES Muralla Romana e mesmo que o propio alumnado das familias profesionais coñeza o labor doutros compañeiros/as cos que comparten instalacións.
■ Fomentar o traballo interdisciplinar, de xeito que o alumnado se dera conta do papel que cada materia das que reciben docencia ten na vida profesional e tamén facendo posible que prosesorado de diferentes áreas de coñecemento se coordinara para acadar este obxectivo común.

A experiencia resultou moi enriquecedora e satisfactoria. O alumnado mostrouse moi motivado no desenvolvemento previo e tamén durante a realización do propio día da xornada. Asemade, a implicación do profesorado que participou confeccionando e dirixindo os diferentes obradoiros que se plantexaron para mostrar a realidade da formación profesional do IES Muralla Romana fixeron posible que a Xornada acadara os obxectivos antes citados.

Parabéns a todo o alumnado e profesorado polo seu traballo e dedicación.

 

"ESCAPE GAME" EN FRANCÉS

O día 3 de maio o alumnado de francés de 3°ESO participou nun "jeu d'évasion" (escape game) en francés, na biblioteca do noso centro escolar. Un avatar creado por unha IA foi o punto de inicio do xogo.Tiveron 2 horas para resolver, de xeito colaborativo, crebacabezas de moitas clases. Atoparon unha morea de elementos coma falsos libros, lámpadas de luz ultravioleta, lupas vermellas, cadeados con segredos ocultos, mensaxes codificadas, códigos policromáticos, etc. E por suposto, tiveron que resolver enigmas en francés. Para rematar o reto, lograron abrir unha maleta de dobre fechadura no tempo acordado e recuperaron o premio! Dende logo, a lingua francesa abre moitas portas!

VISITA DO IES NOTRE DAME D´ELBEUF( NORMANDIE)

O día 31 de maio, o alumnado de francés de 3°ESO, 4°ESO e 1° BACH acolleu con moita emoción os rapaces franceses do IES Notre Dame d'Elbeuf (Normandie), que acaban de chegar a Lugo para facer prácticas en empresas. O noso alumnado encargouse da visita guiada, en francés, dos puntos máis salientables da cidade. Gozamos do paseo nun día solleiro e compartimos experiencias. Foi, sen dúbida, o comezo dunha enriquecedora relación intercentros.

MESA REDONDA: "A MOCIDADE, O FUTURO DO GALEGO"

O pasado 15 de maio as alumnas de 1º de BACH, Sara Pico e Carla Gómez foron convidadas pola asociación Rente Ao couce de Becerreá a unha mesa redonda que levaba por título: "A mocidade, o futuro do galego. Iniciativas pola lingua na infancia e xuventude".

Na mesa redonda participaron representantes de Semente (Escolas de Ensino Galego), de Familias polo Galego (A Mesa pola Normalización) ademais das nosas alumnas que foron expor a nosa experiencia como centro de ensino na iniciativa Aquí tamén se fala, como naceu, con que obxectivos, como foi a experiencia no noso centro e deixaron tamén moi claro que a nosa mocidade aposta polo galego e por estas iniciativas normalizadoras que loitan contra tantos prexuízos lingüísticos. Podemos dicir que tivemos unha gran e acertada representación neste coloquio sobre o galego e a mocidade.

Distribuir contido


by Dr. Radut