MUSEO DA INFORMÁTICA
O museo da informática do IES Muralla Romana, inaugurado o 29 de abril do 2011, está instalado no corredor da segunda planta do instituto.
A idea partiu do departamento de Informática e púxoa en marcha o profesor José Antonio Fernández Chao, tras dous anos de esforzo e traballo. Contou para iso coa axuda de alumnos e achegas non só do propio centro, senón tamén de fóra.
O museo amosa toda unha colección de pezas de grande relevancia histórica, en diferentes expositores; organizado todo dun xeito claro, ameno, preciso e acompañados todos estes obxectos de paneis explicativos.
Pódense ver distintos compoñentes dos equipos nas súas diferentes etapas: dende dispositivos electromecánicos (relés) a aparellos electrónicos (válvulas de baleiro e transistores), a evolución dos distintos microprocesadores, placas bases, escáneres, impresoras, monitores, discos duros, variados tipos de memorias RAM, ... Chamando principalmente a atención os soportes de almacenamento externo: tarxetas perforadas, fitas magnéticas de datos, disquetes flexibles (de 8 polgadas, de 5¼ e de 3½), discos magneto-ópticos, un enorme disco removible Sperry Univac do ano 1980 (enorme de tamaño non de capacidade), ...
Aínda que as verdadeiras xoias son as seguintes máquinas Olivetti BCS de finais dos setenta.
Tamén hai un espazo dedicado á evolución do software e máis en concreto, aos sistemas operativos que foron utilizados no centro, pódense ver distribucións de MSDOS, Unix, Novell...
A finalidade desta exposición é:
- por unha parte, mostrar ás novas xeracións as orixes e a rápida evolución da tecnoloxía informática; todo iso dun xeito didáctico e divulgativo.
- por outra, un recuncho para os nostálxicos que observan o cambio vertixinoso que sufriu en poucos anos esta ciencia. Recordar que os estudos de informática impártense neste instituto dende a súa inauguración, en 1985.