Skip to Content

"PESCANDO XENES" CO DR. CARRACEDO

O pasado xoves 18 de xaneiro o catedrático de Medicina Legal e experto internacional no campo da xenética, Ángel Carracedo, acudiu á nosa  biblioteca, no IES Muralla Romana. A esta charla acudiron o alumnado de 4º ESO, 1º de Bacharelato e 2º de Bacharelato de Bioloxía e Xeoloxía, así como o alumnado de 4º ESO de Oratoria e 2º CB peiteado e estética.
Na charla, titulada "Pescando xenes", Ángel Carracedo fixo un percorrido pola súa experiencia vital, no ámbito formativo e no eido da investigación e aplicación da xenética. Ao longo da charla, Carracedo transmitiu ao alumnado a importancia da ilusión e a paixón, como motores para acadar a felicidade na vida. Aplicando iso ao aspecto máis formativo, comentou como el estudou medicina sen total convicción e, que foi a súa paixón o que o levou cara ao mundo da investigación xenética. Carracedo tamén dedicou tempo para describir ao alumnado a fermosura e importancia da xenética en ámbitos tan diversos como realizar probas de paternidade, identificar criminais, identificar restos nunha catástrofe, ou para elaborar fármacos que teñan en conta a xenética propia de cada individuo. De feito, adiantounos que Galicia nos próximos anos será pioneira na creación deste tipo de fármacos, precisamente grazas ao enorme labor dos grupos de investigación de Carracedo.
 Ao final da charla houbo quenda de preguntas, na cal se falou de identificación de santos, da xenética das poboacións pertencentes á cultura Celta, e tamén na que o alumnado participante na liga de debate (onde debaten se é maior a relevancia da xenética ou a do ambiente para o desenvolvemento dos individuos) aproveitaron para recoller a opinión de Carracedo ao respecto, quen lles deu argumentos para defender ambas posturas. Antes de deixarnos Carracedo convidou o alumnado a visitalo ao seu centro de investigación, algo que o alumnado acolleu con entusiasmo e cunha nacente e reforzada vocación de adicarse á investigación xenómica.

*Preme para visionar a conferencia



story | by Dr. Radut