ProgramaME 2016
O pasado venres, 3 de xuño de 2016, celebrouse na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid a V Final Nacional de ProgramaMe, concurso español de programación para alumnos matriculados en Ciclos Formativos de Formación Profesional. Participaron 21 equipos clasificados nas edicións rexionais.
Nesta final nacional, o equipo lucense Constructores formado por Jesús Rodríguez Núñez, Sol González-Ruiz Carcur e Eloy Pardo Rouco, quedaron no 2º posto deste prestixioso concurso de programación. Os tres son alumnos do Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web do IES Muralla Romana e estiveron titorados por Máximo Fernández López, profesor do Departamento de Informática e Comunicacións do instituto.
Cada un dos tres membros do equipo levou de premio un fabuloso Parrot Quadricóptero AR.Drone 2.0 Elite Snow. Pero non só é o premio material o importante, senón o poder sentirse orgullosos de formar parte dunha excelente canteira de programadores informáticos 'made in Lugo'.