Visita á Serra do Careón
O pasado 6 de abril o alumnado das materias de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO e 1º de Bacharelato e de Cultura Científica de 4º ESO visitaron a Serra do Careón da man do xeólogo e divulgador Francisco Canosa.
Na saída o alumnado puido coñecer a diversidade xeolóxica da zona formada por xistos, seixos ou granito de Monterroso e rochas procedentes do manto terrestre como a serpentinita.
Tamén puideron recrear eventos xeolóxicos que aconteceron hai millóns de anos a partir das pegadas que deixaron no terreo como cabalgamentos ou filóns de seixo.
O alumnado descubriu con sorpresa que hai moito tempo o que hoxe chamamos Galicia formaba parte da maior cordilleira que xamais existiu no noso planeta, máis longa e alta que o actual Himalaia.