Rúa de París nun día de choiva
"Rúa de París nun día de choiva" amósanos o estilo particular do artista francés Gustave Caillebotte. Encadrámolo nun realismo case fotográfico, moi minucioso, pero a súa pintura achégase ao Impresionismo de Renoir. Os seus cadros presentan a vida cotiá parisiense nas súas rúas.
Neste caso semella unha instantánea que sitúa ao espectador nunha encrucillada de rúas no París de Haussmann, o gran urbanista que cambia a face da capital francesa no século XIX. Haussmann derriba o caótico París medieval e abre amplias avenidas con grandes perspectivas que Caillebotte plasmou nas súas obras.