Proxecto premiado na modalidade B na convocatoria de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional, segundo a resolución do 9 de maio de 2017 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional, e Innovación Educativa.
O proxecto Ti2=i, cuxo título fai referencia á integración da tecnoloxía e innovación para tratar de lograr a igualdade de persoas e a súa inclusión, e que vai seguir unha metodoloxía de aprendizaxe baseada nas persoas, forma parte do traballo dun grupo de docentes do centro, e conta coa colaboración da ONCE (Delegación territorial de Galicia) e da asociación ASPABER.
Co proxecto preténdese integrar os contidos de diferentes módulos ou materias impartidas nos distintos ciclos de formación profesional baixo proxectos unificados, tal e como ocorre na vida cotiá. De este xeito obtense unha aprendizaxe na que se desenvolven as relacións necesarias entre as diversas materias tratadas, en función das demandas que se deban atender. Os obxectivos xeráis do proxecto resúmense en:
- Realizar diferentes adaptacións de materiais e produtos para a súa utilización por persoas con algún tipo de discapacidade.
- Crear novos produtos e/ou materias que faciliten a asimilación de conceptos, e permitan practicar e afianzar rutinas de autonomía persoal en persoas con algún tipo de discapacidade.
- Impartir parte dos contidos dos módulos profesionais indicados mediante unha metodoloxía de “Aprendizaxe Baseada en Proxectos” (ABP), ou máis concretamente “Aprendizaxe Baseada en Persoas” (ABP´) e asentar unha metodoloxía que permita un traballo interdisciplinar por proxectos na FP, e que poida ser trasladable a outros centros educativos.
- Fomentar a transferencia de coñecementos entre os profesionais docentes cos que contamos, favorecendo o emprego común de certo equipamento específico e o aproveitamento de recursos no centro educativo.
- Difundir e dar a coñecer ás institucións participantes e sociedade en xeral o papel que poden desenvolver os estudantes de Formación Profesional.
- Mellorar a empregabilidade e inserción laboral do alumnado a partir da realización do proxecto, analizando as posibilidades de iniciar actividades empresarias por parte do alumnado a partir da realización do proxecto, coa colaboración das profesoras de Formación e Orientación Laboral.
- Favorecer a igualdade.
- Procurar a continuidade do proxecto, definindo e establecendo a participación de profesorado de outras especialidades de formación profesional para cubrir as necesidades que vaian xurdindo.
- Dar difusión ao proxecto e establecer contactos con outras asociacións e/ou institucións que poidan poñer en valor e empregar os resultados do mesmo.